Galicia defenderá en Europa os intereses da pesca de fondo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro co presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López, e co secretario da entidade, Daniel Voces, no que abordaron as preocupacións e inquedanzas desta frota ante os plans da Comisión Europea e doutras institucións europeas de impoñer limitacións e restricións á pesca con artes de fondo en augas comunitarias. Neste sentido, coincidiron na necesidade de defender os intereses do sector co obxectivo de evitar novas medidas que limiten a actividade extractiva e supoñan a perda de buques e empregos tanto en España como noutros países de Europa.

A representante do Executivo galego e o responsable da asociación europea de pesca de fondo avaliaron as estratexias que pretende poñer en marcha o Executivo comunitario para protexer os recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños, ao abeiro da Estratexia de Biodiversidade 2030, e que afectan aos arredor de 8.000 buques e máis de 22.000 traballadores que integran a pesca de fondo europea. Neste sentido, constataron a importancia de facer ver ás autoridades competentes que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e avogaron por evitar que se criminalice a algunhas delas.
A titular de Mar salientou que Galicia sempre defendeu, e así o vai seguir facendo, a necesidade de que na xestión das pesqueiras se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais. Nesta liña, lembrou que detrás de cada buque e de cada caladoiro hai familias que teñen neles o seu sustento e subliñou que non se poden xestionar os recursos desde unha perspectiva exclusivamente medioambiental.
Rosa Quintana remarcou que é un erro catalogar algunhas artes como prexudiciais, pois o seu impacto depende en boa medida do uso que se lle dea, e salientou o bo facer da frota galega e española, que usa as distintas artes seguindo estritamente a lexislación en vigor. Ese bo comportamento, destacou, levou a que a maioría das pesqueiras nas que faenan os buques galegos se atopen no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dun caladoiro sen prexudicar o estado do recurso.

Nova asociación

A Alianza Europea de Pesca de Fondo é unha asociación de recente creación que pretende defender os intereses de arredor de 8.000 buques e uns 22.000 pescadores. O seu presidente, Iván López, é tamén presidente da Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallau (Agarba) e do Consello Consultivo de Larga Distancia (LDAC).