Este luns abre o prazo de matrícula para os exames das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente

A Consellería do Mar abre mañá o prazo de matrícula para os exames ordinarios de carácter libre para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. As probas, de
carácter teórico e práctico, realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico (Vigo), na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e na Escola Oficial Náutico- Pesqueira de Ribeira e o prazo de matriculación estenderase ata o 14 de marzo, día incluído.
A convocatoria e demais documentación precisa para concorrer a estas probas está publicada na web da Consellería do Mar, no seguinte enlace. No caso da titulación de mariñeiro pescador, o exame teórico-práctico será o día 25 de abril nos tres centros formativos dependentes da Xunta. O mesmo ocorre no caso das titulacións de patrón local de pesca (sección máquinas), nas que a data da proba é o vindeiro 26 de abril, e no caso das de patrón local de pesca (sección ponte e común), coa celebración do exame o 27 de abril.
Por último, as probas para a titulación de patrón costeiro polivalente (sección máquinas) serán o 28 e 29 de abril e as de patrón costeiro polivalente (sección ponte) terán lugar o 2 e o 3 de maio.
As persoas interesadas en participar nas probas terán que cumprimentar a solicitude que figura como anexo II da Orde do 31 de xullo de 2014 e cumprir as condicións de acceso establecidas para as distintas titulacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Guía de Procedementos e Servizos en https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.