Traballadores e traballadoras do sector da conserva volveron percorrer as rúas de Boiro na marcha convocada polos sindicatos hai semanas pero que agora só mantiña a chamada de Comisións Obreiras, o único dos membros da mesa de negociación que se desmarcou do preacordo alcanzado entre UXT, CIG e a patronal o pasado xoves.
Traballadores do sector chegados en autobuses desde distintos puntos de Galicia atopáronse hoxe na localidade barbancesa de Boiro convocados por Comisións Obreiras, o único sindicato que mantiña a mobilización anunciada desde hai semanas e á que UXT e CIG retiraron o respaldo o pasado xoves, cando ambas alcanzaron un preacordo coa patronal para un novo convenio laboral.
Convenio co que non está conforme CC. OO., que acusa aos outros dous sindicatos da mesa de negociación de “traizoar” os principios da protesta, xa que o acordo non contempla a equiparación salarial nin soluciona a cuarta quenda, segundo denuncia Comisións.

Á espera dos movementos dos outros sindicatos -deben ratificar o preacordo nos próximos 30 días- desde Comisións manteñen viva a loita nas rúas, que este sábado gritaron en Boiro, que “a mesmo traballo mesmo salario”.
Unha longa manifestación percorreu as rúas da localidade e abarrotou a praza do Concello, onde se congregaron máis persoas en que en pasadas mobilizacións. Os datos achegados polo sindicato estiman que unhas 5.000 persoas participaron na marcha.