Elisa Patiño, a primeira aviadora da nosa terra, incorpórase ao álbum online de biografías galegas do CCG

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, recibiu co inicio de febreiro a incorporación da biografía de Elisa Patiño, a primeira aviadora galega (e unha das primeiras do ámbito europeo). O capítulo sobre vida, traxectoria e contribucións de Elisa Patiño (Pontevedra,1890-1919), alcumada “Chichana”, vén da man de Eilún do Pazo Moa, quen salienta que estamos ante “unha muller que no paso do século XIX ao XX abrazou as ideas da modernidade e afastouse das ideas decimonónicas asociadas ás mulleres e á feminidade”.

Un pouco de biografía

Naceu e morreu en Pontevedra e tivo unha vida curta que, en palabras do seu biógrafo, “non permitiu despregar todo o seu potencial”. A nova entrada do Álbum de Galicia conta a historia dunha muller pioneira, que vivía dun xeito pouco convencional no cambio do século XIX cara ao XX. Dedicouse ao tiro con arco desde ben cativa, sorprendeu coas súas habilidades para o ciclismo pero, sobre todo, “destacou pola súa faceta de aviadora”, explica Eilún do Pazo, engadindo que foi quen de enlazar profesionalmente o seu camiño co do afamado aviador acrobático José Piñeiro, coñecido na época como “Home paxaro” ou “Rei dos aires”.

A súa entrada vén acompañada dunha serie de artigos sobre as fazañas desta muller e os escasos recursos web que existen sobre a súa figura.

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.