O Concello de Dodro ten prevista unha ampla programación cultural no marco da celebración do aniversario da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro.
Os actos serán o día 23 de febreiro e comezarán ás 17.00 horas, no parque da Casa do Concello, coa plantación dunha figueira, filla da que loce no xardín da Casa Museo da autora, en Padrón, de máis de 150 anos de antigüidade.
O Concello pon o foco no feito de que Dodro foi residencia da escritora, que durante diferentes épocas da súa vida tivo o seu fogar en Lestrobe, nas Torres de Hermida, “daí a necesidade que unha desas figueiras que ela tanto amaba teña tamén o seu espazo simbólico no noso territorio”, sinalan dende o Consistorio.
Logo desta plantación realizarase unha presentación da mostra Rosalía de Castro, obra completa e manuscritos, unha publicación única en pergameo, elaborado a man e cosido con fío vexetal, con incrustacións de palla e que inclúe 9 obras gráficas de Gosia Trebacz. O libro pertence a unha tirada limitada, autenticada mediante acta notarial. “Trátase dunha auténtica peza de arte que permanecerá exposta ao público nas dependencias do Concello e que fai xustiza á importancia da obra mediante a cal a figura máis representativa e carismática da historia da literatura galega sitúa a Dodro (especialmente Laíño e Lestrobe) na cartografía literaria de Galicia”, explican dende a área de Cultura do Consistorio.
A xornada continuará ás 18.00 horas, en Lestrobe, nas dependencias do Hotel Pazo de Lestrove, coa obra A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola Producións Artísticas, actuación pertencente á Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña e adxudicada ao Concello de Dodro. Esta actividade combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, engadindo monicreques de mesa e música para amosarnos a vida e personalidade de Rosalía de Castro. Trátase dun espectáculo dirixido a infancia de máis de 6 anos e ao público familiar. Ao finalizar as persoas asistentes poderán degustar, grazas á cortesía de Hotel Pazo de Lestrobe (Pousadas de Compostela), un magnífico Caldo de Gloria, receita inspirada no poema Miña casiña, meu lar, na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Sumaranse á celebración do Día de Rosalía os seguintes establecementos hostaleiros de Dodro que colaborarán mediante a súa participación nas iniciativas Café con verso e Caldo de Gloria.
• Casa Buela. Imo
• Cafe Bar da Silva. Tallós
• Casa Pancho. Igrexa de Dodro
• Cafetería Caprichos. Lestrobe
• Pazo de Lestrobe.
O Concello de Dodro contará co apoio da Fundación Rosalía de Castro durante o desenvolvemento desta programación, que estará representada polo seu presidente, o escritor, Anxo Angueira.
