Comeza a cuarta edición do reto dos 21 días co galego que impulsa Política Lingüística e que ten a súa orixe no IES da Pobra

02 Febreiro 2022

O mes de febreiro comezou con novidades relativas ao reto para estudantes de primeira e secundaria 21 Días co galego e +, que, como se indica no seu nome, consiste en mergullarnos no uso da nosa lingua durante unha vintena de xornadas (máis unha). Segundo fixo saber a Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsora deste desafío de dinamización do galego que tivo a súa orixe no IES da Pobra (da man da profesora Pilar Ponte), preto de 4.000 rapazas e rapaces iniciaron este mes a súa participación na nova convocatoria da iniciativa, que vén co lema Creando en galego no século XXI e, novamente, cunha mancha de recursos dixitais aglutinados na web de seu e nas súas redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube e Instagram).

Presentación da anterior edición do desafío, con Pilar Ponte e Valentín García

Cuarta edición: máis alumnado, máis centros docentes

A cuarta edición de 21 días co galego e + bota a andar coa finalidade fortalecida de “promover o uso do galego oral entre a xente nova”. En concreto, conta coa participación de 3.845 persoas entre alumnado, docentes e persoal de administración e servizos. “Unha cifra que aumenta respecto ao curso anterior”, confirmou Política Lingüística, que engade os centros implicados nesta nova convocatoria superaron por vez primeira a decena.

No curso 2021-2022 o programa vaise desenvolver nos centros públicos integrados (CPI) de Atios (Valdoviño), Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e Virxe da Saleta (Cea); nos colexios plurilingües Esclavas Sagrado Corazón de Jesús (A Coruña) e Concepción Arenal (Ourense); e nos institutos David Buján (Cambre), Monte Castelo (Burela), Lucus Augusti (Lugo), de Meaño, Valadares (Vigo) e de Barro.

Na sesión de apertura, que se celebrou este primeiro de febreiro en cada un dos centros participantes, proxectouse un vídeo no que interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a profesora e creadora da iniciativa no IES da Pobra, Pilar Ponte.

O representante da Xunta de Galicia quixo “felicitar e agradecerlles ao alumnado, ao profesorado, ao persoal da administración e servizos a tamén ás familias de cada un dos centros participantes que vos incorporásedes a esta experiencia marabillosa e moi produtiva que nos ensina que a vida en galego é posíbel e que ter unha lingua propia é unha riqueza que, como nos acaban de amosar as Tanxugueiras, non ten fronteiras”.

O secretario xeral de Política Lingüística tamén quixo resaltar que o programa, que arranca a súa cuarta edición, a segunda en pandemia, “continúa a súa expansión ata acadar por primeira vez os 12 centros inscritos e chegando a un número de participantes que xa alcanza os niveis anteriores á crise sanitaria”.

O blog, o eixe de acción da iniciativa

Baixo o lema Creando en galego no século XXI, o alumnado dos 12 centros participantes, comprendido entre os 8 e os 18 anos, comprométese a falar exclusivamente en galego durante as 24 horas do día ao longo de 21 días, é dicir, dende o día 1 até o 21 de febreiro de 2022. Disto quedará constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte web da iniciativa onde aparecerán as diferentes creacións dos centros, que deberán seguir e actualizar cada día e no que, unha vez á semana, o alumnado deberá demostrar como supera en grupo os novos retos que se lle indiquen.

Colaboracións externas

Ademais, e proseguindo coa metodoloxía da edición pasada, o desafío contará coas colaboracións externas. Unha delas será a de Galicia por Diante da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas na que os centros lle contarán á audiencia os temas que trataron e como está a ser a súa participación. Outra das colaboracións establécese co programa Dígocho eu! da TVG, que terá encontros co alumnado dos 12 centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato característico do Dígocho eu!.

Como dixemos, 21 días co galego e + é un programa promovido pola Xunta, que ten como finalidade “promover a lingua entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino, no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade”.

Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Xunta e en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega, así como o Premio da Cultura Galega 2019. Desde o ano 2019 foi asumido pola Xunta, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.

Outros artigos

“La casa de Maricarmen”. José Antonio Constenla

Maricarmen tiene 87 años y vive en la misma casa desde 1956, cuando su padre firmó un contrato de alquiler. Ha pasado allí casi toda su vida. Con el paso del tiempo y las correspondientes subrogaciones familiares, terminó por convertirse en la última inquilina de una...

+

“Foro La Toja 2026: la travesía de la razón”. Alberto Barciela

Despunta el otoño sobre la ría de Arousa con una claridad de plata vieja y salitre, mudando los pinares de la isla de A Toxa en un mirador de sosiego donde la Galicia más atlántica y liberal renueva su vocación de encuentro. En este umbral de octubre, cuando la brisa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Radio” – Xulio Xiz

“Radio” – Xulio Xiz

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertéronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa, Nos meus tempos de TVL...

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.