Dores Torrado Ares, concelleira da Asemblea Cidadá Boiro Novo, presentou ao pleno da Corporación unha moción de urxencia relativa ao conflito que manteñen as persoas traballadoras do conserva coa patronal e as empresas do sector. A agrupación pide na proposta apoiar as demandas laborais. En palabras Dores Torrado, “nun tempo no que o sector mobilízase para mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores da conserva, entendemos que o debate neste pleno de febreiro desta moción é mais acaído que en calquera outro momento”.

E engade na exposición de motivos: “O sector conserveiro é un dos piares económicos do noso concello, do que depende directa e indirectamente unha gran cantidade de persoas traballadoras, a maior parte delas mulleres, polo tanto calquera tipo de mellora que dignifique as condicións de traballo deste sector supón por extensión unha mellora das condicións de vida da cidadanía de Boiro”.
A agrupación lembra que durante estas últimas semanas convocáronse manifestacións e folgas multitudinarias reclamando un convenio digno e unha mellora das condicións laborais, “reclamacións que cremos xustas e necesarias, como garantir o poder adquisitivo das traballadoras e a actualización dos salarios non inferior ao aumento do IPC, regular o dereito á promoción interna, respecto ao descanso en fins de semana e festivos, ou a adopción de medidas encamiñadas á eliminación da fenda salarial que, no caso da conserva, dáse ao copar as mulleres maioritaria e sistematicamente as categorías de menor remuneración económica”.
Polo anteriormente exposto Boiro Novo solicita o voto favorábel da Corporación para o seguinte: “Mostrar o apoio da Corporación municipal aos traballadores e traballadoras do sector conserveiro para conseguir acadar un acordo que mellore as súas condicións laborais”.