Boiro contará co tradicional concurso de disfraces e carrozas o martes de Entroido

O Concello de Boiro, a través da área de Cultura, organiza unha nova edición do tradicional concurso de disfraces e carrozas no marco das actividades do Entroido 2022. O concurso terá lugar o día 1 de marzo ás 18.00 horas na praza de Galicia, logo do desfile de todas as persoas participantes polas rúas do núcleo urbano.

Segundo informa o Concello, “neste concurso poderán inscribirse todas as asociacións, comunidades, grupos culturais, festeiros, veciñais… ou persoas que así o desexen”. As modalidades establecidas para o certame son as seguintes: individual e parellas, grupos e carrozas. Todas as persoas inscritas no concurso deben participar no desfile.

Os gañadores/as do concurso en cada unha das categorías acadarán os seguintes premios: na categoría individual, 1º de 190 euros, 2º de 170 euros, 3º de 150 euros e 4º de 120 euros. Nos grupos 1º de 300, 2º de 250, 3º de 220, 4º de 180 euros e nas carrozas 1º de 870 euros, 2º de 300 e 3º de 250 euros.

As inscricións están xa abertas e poden facerse ata o venres 25 de febreiro ás 13.00 horas e poden facerse de maneira presencial no Centro Social de Escarabote ou no enderezo electrónico leopoldo.portela@boiro.gal. As bases e o anexo de inscrición están na web municipal, que se pode visitar en www.boiro.gal. Dende a área de Cultura do Concello engaden que as persoas que non se inscriban antes desa data poden facelo no mesmo día do concurso, entre as 16.30 e 17.30 horas na praza de Galicia.