As nosas lonxas dixitalízanse grazas a SIVSA e o proxecto Primare da AMTEGA

10 Febreiro 2022

A compañía viguesa de solucións informáticas SIVSA, debullou a pasada semana os detalles da implantación en 35 lonxas galegas dun novo sistema de poxa e comercialización que permite modernizar e dixitalizar os seus procesos como parte do Programa Primare, comezado en maio de 2019 e impulsado pola Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Con esta achega, as lonxas de: Ferrol, Cariño, Baiona, Vilaxoán, Porto do Son, Fisterra, A Pobra do Caramiñal, Camariñas, Aldán, A Guarda, Barallobre, Vilaboa, Arcade, Mugardos, Redondela, Malpica, Aguiño, Muros, Esteiro, Laxe, Rianxo, Cangas, Corcubión, Portonovo, Cabo de Cruz, Pontedeume, Campelo, Moaña, Sada, Vilanova, Carril, Bueu, Portosín, O Freixo e Testal (Noia) poderán xestionar de xeito integral e automatizado a información do proceso de comercialización de capturas, así como a xestión contábel e de impostos.

Outra novidade a salientar é o rexistro da información das capturas, de maneira rastrexábel en orixe, tanto a pé de praia, en puntos de control, como dende o barco. Estes datos intégranse coa información existente nos sistemas da Consellería do Mar, coa marca de calidade Pesca-deRías, de onde se non?, e o equipamento empregado nas salas de poxa (básculas, etiquetadoras e lectores de códigos de barras).

Os procesos de poxa, que agora se xestionan dende a nube, optimizáronse con novas funcionalidades que permiten a xestión por especie, produto, barco ou por todos os lotes á vez. Asemade, actualizáronse os sistemas e procedementos de traballo ao abrir novas modalidades de participación, máis aló da presencial, con opcións como a de intervir en varias poxas de xeito simultáneo, en remoto, a través dun smartphone ou desde unha mesma pantalla. Tamén de realizar poxas previas, para anticipar a decisión de compra dun produto, ou para distintos lotes, así como de levar a cabo axustes por cota ou cliente, xestións de acordo de monte común, pesada con poxa sen lotes ou habilitar o modo caderno, entre outras.

O programa Primare incorpora a creación de lonxas virtuais que unifican o stock de varias lonxas co obxectivo de poder achegar un volume de produto interesante para os compradores.

Outra das grandes novidades que trae é a posibilidade de executar tanto asignacións conxuntas de lotes, desde o mando do poxador, como automáticas, que permiten ás lonxas consultar os que están dispoñíbeis para a venda dunha determinada data, produto, zona e tipo de provedor para atribuíla a unha poxa concertada dun comprador. Tamén rexistrar as compras, a través da lectura de etiquetas ou lotes seleccionados, o seguimento de envíos e o seu estado.

En definitiva, toda a información do proceso de poxa (data e hora, poxa e quenda asociados, usuario comprador, cliente asignado e prezo de parada) fica rexistrada, permitindo realizar un control exhaustivo de todas as súas fases e auditalo.

Engadir que se introduciu un código QR no cartón identificativo que levan os produtos de pesca en primeira venda cunha ligazón á información de rastrexabilidade do lote e que permite coñecer se o produto está asociado á marca de calidade Pesca-deRías, de onde se non?

En canto ao comprador, pode consultar polo miúdo o histórico da súa actividade -compras realizadas, tipo de especies ou produtos-, así como as cotizacións dos produtos e especies das lonxas nas que está rexistrado ou a evolución dunha poxa, desde prezos de parada a volumes de compra.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

Cando en novembro pasado se clausurou en Vigo a segunda edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar,  remarcouse esta carencia de fronteiras para salientar o empeño en lograr unha economía oceánica sostíbel como basamento da apicación das...

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

O bispo demérito (sic) de Alcalá de Henares, vén de relacionar a "discapacidade psíquica, intelectual ou física" (considérome afectado directo) cunha "herdanza do pecado" e a estas alturas aínda ninguén lle retirou o carné de conducir fieis, mitigar males ou redimir...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.