
Cando tantas voces cadran en Galicia en dicir que a remuda xeracional no mar é unha cuestión salarial e de condicións de habitabilidade a bordo axeitadas, un chega a pensar que a formulación dos armadores para cubrir as baixas nas tripulacións oculta as MALAS condicións laborais, os BAIXOS salarios -con maior uso dos que teñen que ver co feito de pescar ou non para poderen cobrar os tripulantes (salario á parte)-, as PROLONGADAS xornadas de traballo ou, entre outras cousas, a INCOMPATIBILIDADE ou conciliación do traballo coa vida familiar. Sexa como fose, o certo é que o problema da carencia de remuda xeracional existe. Ata que punto é así, que as autoridades españolas optaron por poñer en práctica un recurso que non todo o mundo considera axeitado: outorgar a titulación necesaria a patróns que, na teoría, non poderían navegar exercendo como tales, e barcos de maior eslora e navegar en augas para as que a súa titulación oficial non llo permite.Pero hai máis: xente de ponte e xente de máquinas -falamos de pesca de baixura- atopan con certa facilidade traballo en terra e con maior remuneración ou, cando menos, a mesma. Por que optan polo traballoi en terra?. Moi sinxelo: durmen na casa, estás con teus boa parte de cada día e “o mar é mollado”.
O mar, certamente, non resulta moi atractivo para as novas xeracións. E menos, se temos en conta esas eivas sinaladas, algunhas delas eliminadas nos últimos tempos. Por exemplo en cuestión salarial: hoxendía o que percibe un mariñeiro é perfectamente equiparable aos salarios en terra. Mais para a xente nova o mar ten un “handicap”: apenas deixa tempo libre para o esparcimento, para a xoldra, e os días festivos pasan polo calendario nun visto e non visto e non por iso se pagan máis que os de labor.
Solución?… No País Basco van dar entrada ás mulleres nas tripulacións dos seus pesqueiros. Están convencidos de que moitas mulleres en idade laboral poden atopar unha magnífica saída profesional, ben remunerada, con futuro e sen os antigos problemas -constatados en Galicia cando o exconselleiro de Pesca Enrique López Veiga avanzou a súa intención de enrolar mulleres en barcos adicados á pesca do día- que ían desde a carencia das condicións necesarias a bordo para que unha muller traballara con homes, ata a non disposición de posibilidades de compatibilizar a vida familiar coa vida laboral. Mulleres nos pesqueiros do día. Pode ser unha saída para moitas delas, sabedoras de que en terra van atopar poucos traballos nos que a súa remuneración sexa igual ca que perciben os homes. Será igualitaria no mar, no caso de que, efectivamente, se produza esa incorporación da muller ao sector pesqueiro?.
De ser así, solucionaríase un grave problema: o paro feminino en España é maior que o masculino; o paro é moito máis evidente en idades de xente moza que na da xente de máis de 40 anos; o paro afecta máis na pesca ao persoal sen titulación que ao titulado. Tres aspectos que, por sí mesmos, animan a probar.
En mans da Xunta de Galicia está a probatura. Nada se perde con elo. E se deste xeito se pon remedio a un problema que leva anos producíndose, que mellor?.