O PSOE de Ribeira, a través do seu voceiro e concelleiro José Manuel Vilas, presentou unha proposta para ser debatida en pleno relativa ao acto celebrado no Cemiterio de Boisaca o pasado 29 de xaneiro, no que se homenaxeou a cinco veciños de Ribeira fusilados na Guerra Civil e no que foi inaugurado un monumento-placa na súa memoria, dentro do devandito recinto e contra o paredón no que os franquistas acabaron coa vida do veciños de Ribeira. Estes cidadáns honrados no acto, organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e os Concellos de Ribeira e Santiago, foron:
1.- Eugenio Rodríguez Bilbao, médico, afiliado PSOE.
2.- José Lijó Louro, membro da UXT.
3.- Manuel Fernández Sendón, dirixente da UXT.
4.- José Ramón Sieira González, mariñeiro.
5.- Julio Silva Vilas, secretario da UXT, afiliado PSOE.
O PSOE, na súa proposta, require aos partidos da Corporación a facer un recoñecemento público a todos os represaliados que foron vítimas da Guerra Civil e da ditadura subseguinte, de cara ao seu debate e aprobación no pleno ordinario deste mes de febreiro. Os socialistas recordan que os devanditos veciños non foron as únicas persoas do concello de Ribeira que sufriron de xeito tan directo a represión franquista durante a Guerra Civil. Así, o informe interuniversitario Nomes e voces da Universidade de Santiago de Compostela recolle que en Ribeira houbo, polo menos, 159 vítimas da represión franquista: 20 persoas mortas; 67 procesadas; 39 sufriron prisión e 38 foron detidas.
20 veciños fusilados, a saber, ademais dos sete citados,
– José Manuel Antonio Lustres Rivas (xornalista),
– Valentín Betanzos Pérez (mariñeiro),
– Juan Blanco Santos (mariñeiro),
– Antonio González Pérez (mariñeiro),
– José González Romay (mariñeiro),
– Manuel Lijó Ageitos (mariñeiro),
– Juan Lijó Pérez (mariñeiro),
– Manuel Francisco Lijó Pérez (mariñeiro),
– José Romay Betanzos (mariñeiro),
– Manuel Sayar Orellán (mariñeiro),
– José Callón Peón,
– Andrés Cores Fernández,
– Manuel Fernández Prada.
Por todo o devandito os socialistas piden que “se dean os pasos legais para a realización dun monumento, placa ou rúa en memoria das vítimas, nun lugar relevante do termo municipal e co obxectivo de homenaxear a tódolos represaliados, vítimas da Guerra Civil e da ditadura subseguinte, xa que merecen un recoñecemento público, pois defenderon a democracia e a liberdade”.

Os mortos de Boisaca
Manuel Fernández Sendón, Vicente Iglesias Rodríguez, José Lijó Louro, José Sieira González, Eugenio Rodríguez Bilbao, Julio Silva Vilas e Manuel García Hermo constituíran, por orde do gobernador civil da Coruña, o devandito comité, o 21 de xullo de 1936.
O mandato gobernativo, de manter a orde pública e asegurar a tranquilidade social en Ribeira, foi acadado plenamente. Días de normalidade, podendo desenvolverse a vida da vila de xeito pacífico. Testemuñas dun signo e doutro así o acreditan no consello de guerra celebrado meses máis tarde contra os integrantes do comité.
O 28 de xullo de 1936 as forzas rebeldes franquistas entran en Ribeira, asumen o poder e inician unha durísima represión que se estende durante varios meses. Os primeiros en sufrir a represión serían os integrantes do Comité. Este órgano, constitucional e democrático, será disolto e os seus membros detidos. Serían levados primeiro a Noia, e a partir do día 3 de agosto serían internados no cárcere de Santiago. Alí permanecen ata o seu fusilamento nos muros de Boisaca o 29 de xaneiro de 1937.
Durante seis meses, un dos integrantes do citado comité, Xulio Silva, anotou diariamente os principais acontecementos que alí dentro ocorrían. Infórmanos da presenza, no citado cárcere, de personalidades coma Ánxel Casal ou Camilo Díaz Baliño. Detállanos os distintos estados de ánimo polos que pasan os presos en función dos sucesos acaecidos neses meses. Dános noticias das múltiples malleiras que recibían distintos presos, das “sacas” e “paseos” de reclusos para seren asasinados en concellos da contorna de Santiago. Unha radiografía deste ambiente de terror no que se converteran os baixos de Raxoi.
O 21 de decembro de 1936 celebrouse o consello de guerra contra estes 5 veciños de Ribeira, Foran axuizados na causa 456/36, acusados de rebeldía militar. O consello-farsa acabou coa condena a morte dos cinco citados veciños de Ribeira. A sentenza foi executada o 29 de xaneiro de 1937 nos muros de Boisaca.
Manuel García Hermo, integrante tamén do comité, foi “paseado” na noite do 30 ao 31 de agosto do 36 por falanxistas. O seu cadáver apareceu nunha cuneta do lugar de Vilacoba, concello de Lousame. Deixaba nove fillos.
Vicente Iglesias Rodríguez, que conseguira fuxir, foi apresado e fusilado o 9 de xullo de 1937.
Así pois, todo o comité foi fusilado.