Suma Ribeira propón crear un servizo municipal de vixilancia e control da normativa urbanística

O grupo Suma Ribeira proporá no próximo pleno que se constitúa un servizo municipal propio, “non externalizado”, centrado na vixilancia e o control do cumprimento da normativa urbanística e con capacidade para “poñer coto á desharmonía urbana que sofre o concello”, sumido, en palabras da agrupación “nunha realidade de auténtico caos urbanístico pola falla de control e equidade por parte das institucións competentes”.

Para Suma Ribeira, esta realidade “non é nova”, pero nos últimos tempos estase a agravar, opinan, “pola ambigüidade e o exceso de flexibilidade á hora de interpretar algúns aspectos do PXOUM”. O grupo di tamén que “o desleixo á hora de facer fronte está a provocar agravios comparativos e insolidariedades veciñais e beneficia, principalmente, a unha minoría moi particular, baixo a coartada da liberdade individual dos promotores”.

Suma Ribeira considera que sería “moi interesante” que “se avaliase por técnicos en urbanismo sen conflitos de intereses as relacións custes-beneficios dunha regulamentación que establecese uns mínimos de harmonía en diversas fachadas marítimas costeiras”. Tamén opinan que “sería desexábel pormenorizar as actuacións e sancións municipais derivadas da apertura de expedientes de disciplina urbanística que houbo nos anos 2019, 2020 e 2021”.

Dende esta organización, consideran que a “permisividade encuberta co incumprimento da normativa nas construcións ten un lamentable efecto, semellante ao que acontece coa normativa de tráfico; o dunha minoría de incumpridoras, só preocupadas por evitar as sancións e por facer o que queren, prexudicando o resultado colectivo, co seu conseguinte malestar cidadá por percepción de trato discriminatorio”.

Para Suma, a delegación na <APLU> de determinadas competencias urbanísticas “non pode xustificar a aparente invisibilidade municipal ante actuacións sen preceptivas licenzas, ou incumprindo as características e limitacións contidas nas mesmas”.

É por isto que Suma Ribeira presenta unha proposición na que reclama a creación do dito servizo municipal que contaría coas seguintes función e características:

a.- Control e vixilancia itinerante do cumprimento da normativa urbanística en todo o concello.

b.- Desenvolvemento do seu labor sen necesidade de denuncia previa.

c.- Reforzo do necesario cumprimento da legalidade urbanística.

d.- Potenciación da capacidade de actuación municipal con prontitude, antes de que as obras que non se axusten a licenza estean avanzadas ou incluso rematadas, facilitando así que as persoas infractoras sufran o menor prexuízo posible.

e.- Axuda ao incremento das posibilidades de restitución real da legalidade, pois é coñecida a grande dificultade que supón para as institucións a demolición de obras consolidadas, moi especialmente cando a propiedade das mesmas corresponde a persoas con dispoñibilidade económica para recorrer as sancións ata as derradeiras instancias xudiciais.

f.- Evitar ou reducir a dedicación do persoal técnico do concello na preparación da defensa xurídica, reducindo tamén o importe de custes derivados dos procesos xudiciais.

g.- Suporía ingresos económicos municipais por mor das sancións derivadas da incoación de expedientes de disciplina urbanística.

h.- As traballadoras e traballadores que deban desenvolver labores de asesoramento, avaliación e control en todo o relacionado co cumprimento da legalidade urbanística serán, preferentemente, persoal con praza laboral en propiedade no Concello, ou, de non poder ser así por motivo xustificado, establecer sempre, ineludiblemente, un proceso de selección aberto, para elixir con transparencia en base a criterios obxectivos de mérito e capacidade ás persoas que provisionalmente ocupen a praza.