O mar foi sempre -tamén para os galegos- o medio idóneo para a práctica de aberrantes actuacións contrarias a canto significa humanidade ou cumprimento de normas de convivencia non sempre ben entendida. O mar, por exemplo, serviu a determinados individuos para agochar o produto das súas incursións ilícitas polo mundo da droga e a delincuencia implícita na venda e distribución desta. Pero, xa antes, o mar fora para algúns galegos de sona ben coñecida o vehículo que lles permitía a práctica de “razzias” en territorios africanos para se facer con seres humanos que vendían posteriormente a máis ou menos afortunados terratenentes que os utilizaban coma escravos. E o mar, por non citar outros exemplos, foi tamén a vía pola que coñecidos “capos” do contrabando introducían en Galicia milleiros de quilos de tabaco americano ou elaborado no sueste europeo, base a posteriores intervencións no eido do narcotráfico.
Mesmo se chegou a utilizar aos nosos mares, nomeadamente o das Rías Baixas, como lugar de fondeo de receptáculos nos que agochar o explosivo que máis tarde empregarían mariñeiros que de nome só tiñan a referencia para, mediante o estoupido no mar desa materia explosiva, atordar a sardiña e meter no parque de pesca dos barcos inxentes cantidades de exemplares desta especie, unha “pesca” hoxendía eliminada porque, por fin, no propio sector pesqueiro víuselle a boca ao lobo e caeron na conta de que, deste xeito, acabarían de vez coa saborosa sardiña que daba cartos e valor ao mes de San Xoan. Optaron por pescar pesetas -e posteriormente euros- no canto de peixe morto ou atordado pola dinamita e a goma-2.
Eses mesmo receptáculos e “mortos” houbo quen os empregou para fondear os fardos de droga que, desde estes lugares sería distribuída polas lanzadeiras a determinados “agochos” en terra para a súa distribución para venda e/ou consumo.
Desa triste, tristísima realidade, pasamos agora ao que un xornal de ámbito galego publicaba este primeiro luns do acabado de comezar ano 2022: axentes do Equipo de Resposta Policial (Erpol) da Policía Autonómica, nun dos operativos desenvolvidos en Corme, atoparon unha nasa de grandes dimensións chea ata os topes de diversas especies de peixe e crustáceos: uns 130 quilos de nécoras, lumbrigante azul e, maiormente, centola de gran tamaño. Esa gran nasa estaba fondeada, ancorada ao fondo, o que obrigou a cortar as cinchas de ancoraxe e arrastrar polo fondo mariño a espectacular nasa cun contido valorado en aproximadamente 1.300 euros. Obviamente, ninguén apareceu ata o de agora como propietario da nasa nin do marisco nesta concentrado.
Aínda hai máis: na ría de Vigo, calada nun pedregal a nove metros de profundidade fronte a Cangas, furtivos “de terra” fondearon unha rede-trampa dun único pano, cunha corda de chumbo e boias que mantiñan a verticalidade do aparello, na que había raias e centolas, supostamente para engorde e posterior venda do produto.
É unha historia que se repite, consecuencia probablemente do grandísimo interese de aqueles aos que non lles preocupa o relevo xeracional debido a que este está garantido polo alto rendemento económico do seu labor -profesional?- . Mariñeiros ocasionais que repiten, noutro eido, o que xa é coñecido nas rías: traballar de noite descargando o de de valor achegan á costa barcos “nai” para que as lanzadeiras acheguen esa carga aos encargados da redistribución, neste caso en hostalería, á que lle será máis doado vendela a consumidores.
Está visto: non temos remedio. Cando non é unha cousa é outra. Sempre temos algo que fondear, algo que atordar, algo ilegal do que tirar beneficios. E queixámonos.
“Palangreiros galegos e bascos continuarán a captura de patudo, rabil e listado outros dous anos máis no Pacífico”. Antón Luaces
Dous anos máis. Este é o prazo que amplía á frota española -a única da Unión Europea que faena na área do Pacífico oriental- a Comisión Interamericana de Atún Tropical (CIAT) que regula a pesca de túnidos nesa zona. A medida beneficia a 38 buques palangreiros con base...