Os empresarios de Ribeira infórmanse sobre os progresos do novo polígono e estreitan a colaboración co Concello na súa consecución

Este luns 24 de xaneiro a Asociación de Empresarios de Ribeira celebrou na súa sede unha xuntanza relativa ao proxecto do novo Polígono Industrial do concello. Na reunión, de cariz informativo, informouse do estado no que se atopa o proxecto aos asociados interesados na obtención de terreos e nos procedementos e trámites a seguir. Amais acordouse transmitir ao equipo do Concello de Ribeira unha serie de puntualizacións que os integrantes da asociación consideran “de máxima importancia para o desenvolvemento das obras”.

Desde a patronal, a directiva recoñeceu que segue a traballar para que o proxecto do novo complexo industrial “siga os pasos previstos” e “para iso contamos cunha nutrida asistencia de socios, os cales nos dan forza para perseverar no noso empeño de ver realizado, máis axiña que tarde, o tan ansiado como necesario polígono”.