
”Tanxugueiras” son galegas. De nacencia e de crenza. Son mulleres convencidas do que fan. Son, sí, pandereteiras. Mais son pandereteiras que saben cantar e cantar ben, que é o que moitas das novas pandereteiras non quixeron ou non souberon facer ao estaren convencidas de que o labor de colleita realizado por estudosas/os do folclore galego era o resultado da realidade que os devanceiros cantaran no seu tempo. Non se decataron de que as persoas -non todas, obviamente- que cantaban e tocaban a pandeireta, cantaban ben. Por isto digo que “Tanxugueiras” teñen, entre outras valías, a de saberen cantar por sí e en conxunto.
Sí, moitas das persoas maiores que cederon os seus coñecementos musicais -máis ca nada relembros do que foron en tempos pasados- cantaban mal. E poño por exemplo a unha avoa miña e as súas irmáns, que lembraban vellas cantigas -entre estas algunhas “habaneras” que de Cuba trouxera o seu irmán Maximino. Miña avoa falaba de “habaneras”, de mazurcas, de valse corrido, de pasodobre, de tangos… mais á hora de cantar todo este amplo repertorio todo o cantaba igoal. Conclusión: miña avoa cantaba mal, non tiña “ouvido”. E as súas tres irmáns (Lola, Carmen e Rosa) cantaban igoal de mal, por non dicir que non sabían cantar(que non sabían, certamente).
Sigo a “Tanxugueiras” por medio das redes sociais desde vai tempo. Dicir agora que sempre me gustaron ben sei que é subirme ao carro gañador (que non sei se o será a partires deste sábado), mais confeso que sí, que me gustaban e que a súa coñecida “Terra” ven ser un berro de liberdade, un dicir de vello con voces novas, conxuntadas, perfectamente acopladas, ricas en expresións e matices, en cór. Saben cantar e saben dicir, que é bastante máis do que recibiron dos antergos cantos colleitados e tarefas de campo realizadas sen máis. Sábeno ben xente coma Pablo Quintana ou Mercedes Peón -entroutros- que escoitaron, recolleron e adaptaron ao seu xeito os dicires para os levaren posteriormente ao pentagrama ou, no seu caso, directamente á gravación discográfica. “Tanxugueiras”, en boa hora, é algo máis ca un produto circunstancial. É moito máis que a participación non concurso ou selección para representar a un país, España, nun mercado internacional que siguen, a través da televisión, perto de 200 millóns de persoas. Son, Olsia, Sabela e Aída, tres mulleres musicalmente ben preparadas que asumen a responsabilidade de cantar porque saben facelo, algo que non estou moi seguro souberon facer os cinco membros dun xurado que, o pasado mércores recibiron en Benidorm os apupos dun público que para nada concordaba coas súas decisións (erradas como posteriormente se demostrou coa votación demoscópica, máis ou menos “popular”).
Agora, este sábado, “Tanxugueiras” levará nas súas voces, na letra da súa “Terra” infinda o latexo dunha terra e un tempo que van con elas ata onde faga falta, sexan ou non nominadas para representar a España en Eurovisión. Elas -Olaia, Sabela e Aída- levan aprendido o contrasinal do seu historial de ben facer, de ben cantar, de ben dicir en conxunto cunha carga importante de percusión que baixaron dos cumios da historia. Chegarán a onde teñan ou as deixen chegar (se o xurado xoga coas mesmas leis musicais que xogaron os cinco da nouite do mércores) os intereses dos que cardan a lá para que os viciños de Portugal fagan “toallas de rizo”, como dixo a máis nova dos presentadores do Benidorm Fest de TVE. Olaia, Sabela a Aída teñen pouco ou nada que perder e moito, moitísimo, que gañar. Non vai resultar doado clasificarse. Eurovisión é un mercado e TVE non é allea a este, teñámolo ben presente. “Terra” seguirá a ser terra e nosa, como o son desde xa “Tanxugueiras”, ese anaco de Galicia que, oxalá, poidan coñececer en todos os países que participan nesta feira das vaidades.