“O tren que me leva” – Antón Luaces

19 Xaneiro 2022

O tren galego con máis sona en toda España foi -talvez aínda é- o que o finado Andrés Dobarro fixo circular “pasiño a pasiño” polos programas musicais de todas as estacións de radio do país.

Ía, oficiosamente, polo camiño de ferro cara a San Antón e todos cantos apoiabamos a Andrés naquela súa andaina, aplaudimos a chegada dese O Tren aos primeiros postos das máis importantes listas de éxitos que editaban as máis seguidas cadeas de radio e publicacións especializadas.

Andrés Dobarro cantaba en galego temas pop cando a súa Terra Meiga viaxaba -como aínda viaxa hoxe- nun tren que enlaza catro veces cada día A Coruña e Ferrol , o que vén ser coma un carro de bois ou de cabalos polo inmenso tempo que tarda en percorrer a distancia existente -53 quilómetros por estrada- entre ambas as cidades, se establecemos comparacións coas velocidades que, pola autoestrada, desenvolven os vehículos a motor e xa non digamos os trens de alta velocidade que, loado sexa Deus, por fin circulan por Galicia adiante cara á capital de España.

Galicia ten moitas eivas. Dúas delas teñen que ver co ferrocarril e ambas as dúas conflúen en Ferrol: a liña da Coruña e a liña de ferrocarril de vía estreita que un día quixo unir todas as terras do Cantábrico e Galicia e que, de tanto ir e vir, de tantos tombos dar en días de choiva e vento, de xeadas sen conto e de sol que retorcía as vías, foi esmorecendo e esmorecendo ata se quedar nunha pantasma que colga a súa saba na ponte de Mera, vai ás alancadas Ortigueira avante e desaparece na borraxeira que os da ría do Eo chaman bruma de Asturias.

A esta realidade vén de se enfrontar a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nai desde vai non moito, que tivo a oportunidade de facer o percorrido A Coruña-Ferrol en máis ou menos o mesmo tempo que o puideran facer os seus avós. Son os “avances” do século XXI, que permiten agora as mesmas experiencias de aqueles que, na ditadura de Primo de Rivera, aplaudían con fervor a chegada do “transcantábrico” de vía estreita desde ou a Ferrol e que, na ditadura de Franco aplaudiron as “melloras” do tren A Coruña-Santiago.

Pero para o traxecto Ferrol-A Coruña e viceversa non houbo melloras. Seguen a ser necesarios un mínimo de 80 minutos (1 hora e 20) para, en só dúas ocasións cada día, poderen os traballadores e estudantes -usuarios maioritarios destes trens con cintura de miriñaque e mapoulas nas rodas de ferro- cubrir a distancia de medio cento de quilómetros que separan -hai quen di que unen- ambas as cidades galegas.

Unha liña practicamente metropolitana que debería ser responsabilidade neta da Comunidade galega -tal e como acordara o Parlamento de Galicia- como o son os trens de proximidades de Euskadi, Catalunya e Andalucía. Pero Galicia non. Galicia non porque segue a ser como dixeran os rapaces da “movida” viguesa, SITIO DISTINTO.
Esta viaxe, seguramente inesquecible para Ana Pontón, permite lembrar que o BNG leva clamado e reclamado que o Goberno ceda a Galicia as competencias desta vía férrea. Máis os gobernos do PSOE e do PP fixeron e fan que non oen e a Xunta de Galicia mantense na bruma, perdida na borraxeira do Eume sen tentar, cando menos, escoitar a demanda dos heroes que cada día van dunha a outra estación coa esperanza de ver catenarias do século XXI para un tren con moitos lustros ao lombo.

Sí, é necesaria unha actuación decidida, que é o que tamén demanda a UE que, como é sabido, aposta polo ferrocarril vaia ou non vaia o tren ata os pés de San Antón.

A autoestrada é cara. Moi cara. E a estrada nunca permite a cobertura dos 53 quilómetros que separan A Coruña de Ferrol no mesmo tempo cada día porque a velocidade que o vehículo pode acadar vai en función das condicións nas que se desenvolve a circulación. E utilizar os servizos dos autobuses ven ser unha aventura cara, deshorada, incómoda e repetitiva: coma o tren, pero con rodas de goma.

O chamado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non debe caer en saco roto: o Estado español ten que transferir a Galicia un tren que a Xunta semella non querer, pero que so demanda a cidadanía.
Haberá que subirse ao tren, digo eu.

Outros artigos

“Recado de escribir para Julio Cortazar”. Alberto Barciela

Artículo de inauguración del VII Congreso de Editores Europa América Latina Casa América, Madrid, 18 de marzo de 2024 Estimado Julio Cortázar, admirado maestro, Confío en que en la vastedad del universo, al menos del inmemorial te alcancen estas reflexiones. Si te...

+

“Ata logo Tucho” – Fernando Sarasketa

Tucho díxolle á súa neta: lévame ao Faro de Corrubedo. Creo que foi unha das últimas viaxes ou excursións que fixo, era un home de Ribeira, da súa terra, pero tamén un algo viaxeiro e con interese por coñecer outros lugares. En Corrubedo, era un bonito día de sol,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Manual del Buen Corrupto”. José Castro López

“Manual del Buen Corrupto”. José Castro López

El primer principio del Manual del Buen Corrupto es la petición que el subordinadohace a su jefe: “No te pido que me des, te pido que me pongas allí donde se reparte eldinero” y ya se encargará él de que ese reparto sea equitativo de acuerdo con la máximael que parte...