O prezo medio dos productos do mar vendidos nas lonxas galegas marca máximos no 2021

27 Xaneiro 2022

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a primeira venda de produtos do mar frescos realizada o ano pasado nas lonxas e centros autorizados de Galicia que mostra que o prezo medio das descargas acadou os 3,20 euros o quilo, a mellor cotización media de toda a serie histórica que se remonta ao 1997. Esta cifra supón un incremento do 16% (0,45 euros o quilo) sobre o valor medio do ano 2020, un fito que se produce nun contexto caracterizado polas dificultades derivadas da alerta sanitaria pola covid-19.
Esta mellora do prezo medio reflíctese na facturación global das lonxas galegas no 2021, que foi de máis de 424 millóns de euros, case un 3% máis que no 2020, malia un descenso de preto do 12% no volume de descargas de especies, que o pasado exercicio foi de preto de 133.000 toneladas. Isto reflicte unha evolución significativa no ámbito da comercialización dos produtos do mar.
O informe destaca o bo comportamento da facturación do grupo dos bivalvos, cefalópodos, crustáceos e equinodermos. Esta achega reflíctese principalmente no caso dos bivalvos, que aportaron uns ingresos por primeira venda de case 74 millóns de euros. Esta cifra representa máis do 17% da facturación total das lonxas e centros de primeira venda de Galicia e é un 11% superior á rexistrada no 2020. Neste ámbito, a especie máis significativa é a ameixa xaponesa, cun prezo medio de 13,42 euros o quilo no pasado
exercicio.
Non obstante, o grupo dos peixes supón máis do 68% da facturación, con preto de 290 millóns de euros, e nel destaca a pescada, a especie máis importante da primeira venda de pesca fresca en Galicia, tanto en ingresos xerados como en cantidades comercializadas.
En canto ás zonas xeográficas, as lonxas da provincia da Coruña foron as que máis especies descargaron e representan máis do 38% da facturación, seguidas das da provincia de Pontevedra, que supoñen preto do 36% dos ingresos, e das de Lugo, que representan preto do 26% do valor económico.
Atendendo ás zonas administrativas da produción, predominan as de Vigo, Arousa, Coruña-Ferrol e A Mariña, que teñen na súa área de influencia algunhas das lonxas máis grandes. Destaca especialmente a zona de Arousa, onde a facturación do grupo bivalvos representa máis do 45% das vendas.
Resultados por lonxas
O informe da Consellería do Mar tamén destaca que as lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro se manteñen como as máis importantes de Galicia ao representar máis do 80% do volume de descargas e máis do 70% dos ingresos. En canto aos ingresos xerados, destacan tamén outras como Noia, O Grove, Carril, Cambados e Campelo, coa actividade centrada principalmente na frota de artes menores e o marisqueo a pé.

Outros artigos

Arrastreiro de Ribeira investigado por captura de golfiños

A Garda Civil denuncia ao patrón tras a difusión de vídeos en redes sociais que mostran a captura de cetáceos en Galicia. Segundo recolle a web costaoeste.gal, a denuncia contra o patrón do arrastreiro de Ribeira xerou gran preocupación no sector pesqueiro galego e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Morrer sós e nas rúas” – José Manuel Pena

“Morrer sós e nas rúas” – José Manuel Pena

Non nos preocupa demasiado o ver, cada día, a persoas deambulando polas rúas ou durmindo nalgún caixeiro ou portal dun edificio. Son persoas sen fogar, xeralmente con algún tipo de dependencia e que necesitan axuda, aínda que non a pidan porque carecen da estabilidade...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.