O Obradoiro Serra do Barbanza constrúe unha senda de 265 metros en Pé do Corniño (Carreira)

O alumnado do obradoiro de emprego xuvenil Serra do Barbanza que comparten os Concellos de Ribeira e Porto do Son está estes días mergullado na construción dunha senda de 265 metros de lonxitude no lugar de Pé do Corniño. O obxectivo é dotar de seguridade esta contorna da parroquia de Carreira, que, segundo lembra o Concello de Ribeira, non dispón de beirarrúas, polo que se propuxo esta intervención. Esta inclúe unha senda de formigón impreso ao que se lle intercalarán franxas de empedrado (adoquíns) cada dez metros.

Ademais, para recoller as augas superficiais instalarase unha rede de pluviais formada por colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, cos seus correspondentes pozos de rexistro e arquetas.

O Concello de Ribeira engade que non será esta a única actuación no municipio que desenvolverán os 16 rapaces asistentes ao obradoiro: “Tamén está previsto que acometan a renovación de beirarrúas na estrada xeral de Oleiros colocando un novo pavimento de baldosas hidráulicas, así como a pavimentación con plataforma única dun pequeno tramo da rúa Alexandre Bóveda no que aínda existen dous beirarrúas estreitas de menos dun metro de ancho”.

Cómpre lembrar que o obradoiro Serra do Barbanza, dirixido a mozos e mozas de 18 a 29 anos, iniciou a súa andadura o pasado mes de agosto e está especializado en pavimentación e albanelería de urbanización. Ten unha duración de doce meses.