O BNG esixe aplicar o IVE superreducido do 4% aos produtos pesqueiros

O BNG rexistrou novas iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado aplique en produtos pesqueiros o IVE do tipo superreducido de 4%, após saír á luz as recomendacións da Unión Europea de aplicar esta rebaixa. Esta medida, reclamada polo BNG, recollendo as demandas do conxunto do sector pesqueiro, “contribuiría ao aumento de consumo de peixe e marisco, o que favorecería a que as consumidoras tivesen unha dieta máis equilibrada, e facilitaría un maior desenvolvemento económico de zonas altamente dependentes da pesca, como a Galiza”, sinalan fontes do partido nacionalista, engadindo que o peixe “é un alimento básico e esencial nunha dieta equilibrada, tal e como teñen certificado en repetidas ocasións a OMS ou a propia FAO.

O deputado do BNG Néstor Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que “debe promoverse e facilitarse o seu consumo”, un obxectivo para o cal a organización nacionalista xa rexistraba en abril de 2021 iniciativas reclamando ao Goberno do Estado a rebaixa do IVE de 10 a 4% os produtos pesqueiros “tal e como demandaban tamén as patronais e as asociacións do sector da pesca e a acuicultura”.

Rego engadiu que “no conxunto da Unión Europea, a meirande parte dos países teñen xa un IVE máis baixo que no Estado español”, e que en Francia aplícaselles un tipo do 5,5%; en Luxemburgo do 3%; en Chipre, Hungría e Polonia do 5%; en Bélxica e Portugal do 6%; e en Alemaña aplícase, agora mesmo, un 7%, aínda que o Goberno xa anunciou que o reducirá proximamente. Ademais, dixo o deputado, outros países como Irlanda ou Malta exclúen directamente a aplicación do tipo impositivo a estes produtos.

“Todos os datos expostos deberían ser xa suficientes para xustificar a aplicación do IVE superreducido de 4% aos produtos pesqueiros e así fomentar un maior consumo entre a poboación”, insistiu Rego, engadindo que a estes argumentos, xa de por si contundentes, súmase a recomendación da Unión Europea de implantar este tipo de rebaixas. Así, no número 101 da Resolución do Parlamento Europeo sobre a estratexia Da Granxa á Mesa para un sistema alimentario xusto, saudábel e respectuoso co medio ambiente, faise saber que “os prezos dos alimentos deben servir para enviar un sinal axeitado aos consumidores; estabelecendo prezos reais dos alimentos que sexan quen de reflectir o verdadeiro custo de produción para o medio ambiente e a sociedade, e, deste xeito, lograr sistemas alimentarios sustentábeis e equitativos a longo prazo”.

Así mesmo, Rego lembra que o documento móstrase a favor dunha maior flexibilidade á hora de estabelecer diferentes tipos de IVE para os alimentos que teñen distintos efectos sobre a saúde e o medio ambiente, e permitirlles elixir un tipo nulo de IVE para os alimentos saudábeis e sustentábeis.