
Este sábado 22 de xaneiro, a Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño celebrou no cemiterio de San Vicente de Noal en Porto do Son, o acto de Ofrenda Floral e Lectura de Manifesto polo XVIII Aniversario do Pasamento de Paco, párroco da Nosa Señora de Aguiño.
Foi diante da súa tumba, amenizado por gaitas do País. O acto foi libre e contou coa presenza de membros, amigos e veciños de don Francisco Lorenzo Mariño.

Ofrenda Floral e Manifesto 2022
Querido Don Francisco. Dende fai xa dezaoito invernos, cada mes de xaneiro xuntámonos aquí algúns amigos e amigas en nome de moitos outros para recordarche que aínda te queremos e te botamos de menos. O longo destes anos pasaron malos tempos, tamén houbo tempo de calma, e sobre de todo moitos comentarios de xente que en vida che quixo moito e que unha vez faltabas de onda nos, se esqueceron dese inmenso amor que che profesaban tan só coa escusa de deixarche descansar en paz. Todos nós sabemos e somos coñecedores que a ti non che gustaban nin a pompa nin o boato; e sabémolo porque moitos dos que aquí se atopan acompañáronche ata os últimos momentos.
Don Francisco, ti sabes que o traballo desenrolado ao longo destes 17 anos a través da asociación que leva o teu nome non é só homenaxe, é crear cultura para o pobo, e dende o pobo, cas portas abertas a todas aquelas persoas que queiran compartir as súas inquedanzas e aportar o seu gran de area. Ese é o noso recoñecemento para ti, non deixar no esquecemento tantos anos loitando pola propia cultura e identidade.
O día no que se cumprían anos do teu pasamento lembrábamos con algo de humor a anécdota que ti sempre contabas de que co galego a ti en Aguiño pasouche como a San Paulo, só que ti caíches dun burro e non dun cabalo… Ao chegar a Listres e ver a parroquia que che tocara en fortuna, a primeira que ías atender en solitario e como párroco titular, e comprobar que ademais de acabarse de fundar segregada de San Paio, tiña todo por facer, pois por non ter non tiña nin igrexa nin capela, tan só un baixo dunha casa alugado para misar, pensaches que para integrarte naquel pobo de enxebres galegos, humildes e sinxelos mariñeiros e xente traballadora, debías falar na lingua do País, da terra, da xente ao igual que Xesús de Nazaret lle falaba en arameo aos seus paisanos mentres o hebreo era o idioma das clases altas e os sumos sacerdotes.
Deste xeito comezaches a edificar Aguiño, empezando polo primeiro templo que foi o actual local parroquial, seguindo pola igrexa e a reitoral, o campanario… pero tamén o tecido social de Aguiño, co club e o campo de fútbol deseñando incluso o seu escudo, o grupo escolar, a lonxa vella, a casa da cultura, o mercado municipal –hoxe conservatorio- e rúas, asociacións, festas… todo leva a túa man xunto á de moitas veciñas e veciños que te acompañaron nesta iniciativa para axudar a medrar ao noso pobo, hoxe tamén a todas e todos eles os queremos lembrar e agradecer a súa achega no pasado para gozar hoxe no presente de tan maxestosa, á vez que ingrata e non recoñecida labor.
Este ano outra vez esta pandemia, xerada pola humanidade ou pola natureza, que nos ven a poñer a proba como sociedade e como comunidade –por certo, suspendendo nas dúas cousas- evitou que puideramos celebrar como é habitual os actos culturais na túa lembranza decidindo adialos para o mes de maio, cando a nosa parroquia cumprirá 63 anos de historia, xa que seguiremos sementando cultura, poñendo en valor a nosa identidade como pobo e rescatando a historia da nosa xente tal e como ti nos ensinaches que se debe facer pola comunidade na que habitamos. Non cabe dúbida de que o virus non dou sacado o mellor da humanidade, ao contrario, mostrou a parte máis egoísta, máis cruenta e miserable de moitas persoas, aumentou as diferenzas sociais e económicas, puxo de manifesto a podremia na clase política desfacendo os servizos públicos, os dereitos e logros que tantos anos le ou conseguir ás xeracións que nos precederon, pero tamén serviu para que todas esas debilidades que apareceron claramente ante nós poidan combaterse para alcanzar un mundo mellor, unha sociedade máis reivindicativa, unida, loitadora e solidaria, que se consiga ou non será cousa do futuro pero o noso compromiso diante túa queda como unha promesa de que nós poremos o esforzo para alcanzar este obxectivo.
Hoxe fai un día soleado, pero sabes ben que cada ano, chova ou vente, estamos aquí neste camposanto para acompañar aos teus restos mortais, unha maneira de facer público o agarimo e a gratitude que che temos. Pero tamén nos atopamos ante ti para seguir o camiño que ti ensinaches, da protesta respectuosa pero firme, porque ti nunca calaches ante ninguén, nunca tiveches medo a afrontar a inxustiza pesara a quen pesara, a reclamar a igualdade, e a clamar contra o abuso. Sempre te puxeches do lado dos máis desfavorecidos e débiles, facendo túas as súas penas e tentando desamarrar calquera entorto que lles asfixiase a gorxa, con ese carácter doce e inquebrantable que foi semente de vida e de xustiza ao longo do teu existir.
Dende a asociación, co eco da túa voz, denunciamos tamén a inxustiza, a desigualdade, a discriminación ou calquera abuso que os poderosos, sexan quen sexan, faga da xente boa e xenerosa, dos humildes, dos traballadores, das mulleres, dos maiores, dos cativos… porque sempre en nós terán o apoio e a solidariedade que ti repartiches ao longo da túa existencia. Boa mostra son as reivindicacións dos traballadores e traballadoras da conserva, que tras tantos anos de abuso e redución dos seus dereitos decidiron dar un paso á fronte para reclamar xustiza, salarios decentes e iguales entre xéneros, días de descanso e quendas razoables… Os xubilados e pensionistas que non son quen de quitar unha paga digna; os labregos quen cada vez ven baixar máis os prezos sen que lle cubra nin costes; a xente do mar, os obreiros, recortes na sanidade, na educación, nas forzas de seguridade… mentres os ricos son máis ricos e as diferenzas socias se ensanchan a pasos axigantados. Non imos calar nin quedar sen facer nada, seguiremos denunciando estes abusos e apoiando a reivindicación de toda a xente humilde e traballadora.
Nos últimos tempos tamén marcharon de onda nós moitos amigos e amigas que sabemos estarán por onde ti andas, a todos eles lembramos con agarimo; tamén nos lembramos de quen están enfermos para que intercedas por eles ante o Señor e o axudes a sandar, como o amigo e benquerido Pepe Vila que sempre nos acompañou e o ano pasado fixo a ofrenda no noso nome neste mesmo lugar, nos momentos incertos que está a padecer che pedimos que o axudes para saír airoso. Por todos eles e elas, descoñecidos ou veciños cuxo recordo rememoramos a cada instante, imos pedir ao noso Señor, xunto a ti, coa oración do Noso Pai que rezaremos como sempre fixemos.
Neste camposanto queremos facerte novamente o agasallo máis sinxelo, unhas flores e unha gaita ó son da Marcha do Antigo Reino de Galicia e do Himno Galego, pero tamén o noso sentimento, de perda, de tristura por un lado, pero de esperanza e de ilusión polo outra banda, da esperanza que se alcanza co esforzo e co traballo, coa sinceridade e coa sinxeleza de quen é un grande persoeiro sen nunca querelo.
Axúdanos a seguir adiante, a non ser covardes nin comulgar co poder dos cartos. Axúdanos a ser mellores persoas, mellores galegos e mellores crentes, a ser irmáns e veciños na esperanza e na unión dun pobo que non ficará morto senón que seguirá facendo historia como a fixo contigo. De seguro que as de estar á dereita do que está á dereita do Pai, con outros bos e xenerosos, arranxando os males do mundo… Nós non te esquecemos, ti tampouco nos esquezas. Grazas Don Francisco.
O Son – Aguiño, 22 de xaneiro de 2022
Unai González Suárez
Sara Reiriz González
Asociación Francisco Lorenzo Mariño