O Concello de Lousame fixo balance do impacto turístico que tivo o ano pasado un dos principais destinos do termo municipal: as minas de San Finx. Segundo fixo saber, estas foron quen de atraer un 69% máis de visitantes ca no ano 2020.
En concreto, un total de 2.019 persoas visitaron o poboado mineiro durante o ano 2021, visitas que tiveron ocasión de mergullarse no pasado da explotación (coñecendo a súa traxectoria no tempo e visualizando os esforzos realizados polo Concello para recuperar e rehabilitar as instalacións) a través dun percorrido guiado polas instalacións da man de Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal do Concello de Lousame.
Como dixemos, estas 2.109 visitas supoñen un incremento do 69% sobre o ano 2020, exercicio no que se rexistraran 1.193 visitas. Con todo, segundo recorda o Concello as cifras son incompletas, xa que ambos os dous anos rexistraron longos períodos de inactividade. Porén, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, amósase moi satisfeita polas cifras acadadas pois “ademais de ser unha posta en valor do noso patrimonio e da nosa historia, supón tamén volver a desfrutar da cultura nunhas visitas totalmente seguras e baixo os máis estritas medidas sanitarias antiCOVID”.

Visitas guiadas
A visita guiada segue a ser o servizo de información máis empregado, se ben durante o verán realizáronse visitas sen reserva grazas á incorporación dunha técnica de turismo ao complexo. Neste sentido, Sobradelo Creo, técnica municipal encargada das visitas, lembra que “estamos a falar de visitas guiadas e concertadas previamente, pois nesas máis de 2.000 persoas non están incluídas aquelas que se achegaron ao poboado libremente”.
O verán volveu ser, unha vez máis, o período de maior concentración de visitantes. De feito, o terceiro trimestre do ano concentrou o 42,2% das visitas (890 persoas), sendo agosto o mes con maior número de visitantes (513). Ségueno setembro (463), outubro (244) e xullo (214).
Segundo informa o Concello, gran parte das visitas, sobre todo no derradeiro trimestre do ano, “proceden dos distintos centros educativos da comarca”.
Así mesmo, as minas de San Finx tamén reciben numerosas visitas de grupos de sendeirismo, que a toman como principio ou fin da ruta que leva o seu nome.
As visitas guiadas para grupos de máis de 10 persoas poden concertase chamando ao Concello de Lousame (981 820 494) ou enviando un correo electrónico a museominasdesanfinx@gmail.com. Aínda que as visitas se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar entre hora e hora e media.
Nese tempo, o grupo recibe unha charla no centro de interpretación das minas de San Finx onde se proxectan diapositivas sobre a historia das minas e a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio”, na posguerra civil española.
Despois, o grupo adoita visitar o centro de interpretación, onde pode ver unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio volframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Ademais, visitan os distintos inmóbeis do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo…) onde poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.
