Incautados máis de 26.500 útiles de pesca e 61.600 quilos de peixe e marisco a furtivos en 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo o labor do Servizo de Gardacostas de Galicia na loita contra o furtivismo, que no 2021 deu como froito a incautación de máis de 26.500 útiles e o comiso de máis de 61.600 quilos de distintas especies de peixe e marisco. Estes resultados, expuxo durante a unha visita ao buque Ría de Vigo, proceden dos controis que os axentes adaptan ás zonas, épocas e especies de máis relevancia ao longo do ano.
A titular de Mar destacou o incremento dun 18% no caso dos aparellos requisados polos axentes en relación co ano 2020, no que a actividade do Servizo de Gardacostas estivo condicionada pola alerta sanitaria do coronavirus, período no que baixou a actividade furtiva e no que había menos profesionais traballando. Nesta liña, subliñou a importancia de seguir facendo fincapé na incautación dos útiles pois son os medios cos que se realiza a captura ilegal dos recursos mariños. Isto contribúe a optimizar a efectividade do labor deste servizo e a atallar a problemática do furtivismo.
Este incremento, engadiu a conselleira, tamén se traslada aos quilos aprehendidos de distintas especies de produtos do mar, cunha suba de máis do 30% en relación ao 2020. Neste ámbito, as especies máis requisadas, explicou, adoitan ser aquelas que acadan valores máis altos no mercado e especialmente en determinadas épocas, como pode ser a centola en períodos como o Nadal. Non obstante, especificou, tamén inflúen factores como os casos nos que nun único control se requisan grandes cantidades dunha única especie.

Estas cifras son o resultado de máis de 10.800 inspeccións realizadas o ano pasado e que deron lugar a preto de 3.300 actas de presunta infracción. Dentro deste traballo, Rosa Quintana salientou a estreita colaboración entre o Servizo de Gardacostas e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, a través de distintas tarefas conxuntas de inspección. Un exemplo son os controis que se realizan en colaboración coa Policía Autonómica e a Garda Civil no ámbito marítimo e tamén por estrada.

Para desenvolver este labor, destacou a conselleira, ademais do equipo humano, son fundamentais os medios. Neste sentido, lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma de España que conta cun servizo de gardacostas propio e que é unha das apostas blindadas do Goberno galego para avanzar na loita contra o furtivismo e tamén contra a contaminación mariña.

Dentro desta aposta enmárcase a dotación de recursos e medios materiais como os oito drons, catro deles submariños e outros catro aéreos, que Gardacostas sumou ao seu equipamento. Estes medios únense ao plan de renovación parcial da frota que o Goberno autonómico está a desenvolver nos últimos anos no Servizo de Gardacostas de Galicia e que acumula máis de 12 millóns de euros de investimento.
O buque Ría de Vigo que visitou hoxe a conselleira acompañada polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, é xestionado conxuntamente pola Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) e a Xunta de Galicia e emprégase para tarefas de salvamento marítimo, loita contra a contaminación e inspección pesqueira.