En Boiro adxudicadas as obras para mellorar a seguridade viaria no CEIP Santa María do Castro e no IES Espiñeira

O Concello de Boiro deu luz verde á adxudicación do proxecto para a mellora da seguridade viaria nos centros de ensino CEIP Santa María do Castro e IES Espiñeira. As obras, dun orzamento de 101.693,36 euros, vanse executar mediante o financiamento da Deputación da Coruña con cargo ao POS+2021.

O proxecto contempla a mellora das condicións de seguridade viaria dos nenos e nenas que acceden diariamente a ditos centros docentes, situados no lugar de Valiño (Cabde Cruz) e costa de Espiñeira.

No CEIP Santa María do Castro a obra contempla a execución da beirarrúa na marxe sur, onde estacionan os autobuses de transporte escolar para a subida e baixada do alumnado, a execución dun paso elevado para reducir a velocidade de circulación, a instalación dunha marquesiña de parada de autobús e a sinalización viaria específica.

Na contorna do IES Espiñeira está previsto construír unha beirarrúa de formigón na beira oeste para completar a xa existente e garantir un percorrido accesíbel dende a beira que conecta co casco urbano. Ao devandito cómpre engadir a execución dun paso elevado para reducir a velocidade de circulación, a instalación dunha marquesiña de autobús e a sinalización viaria específica.