“Con isto dígoo todo” – Antón Luaces

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, non chegou a onde si o fixo o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Pero ambos os dous calaron o que pensaban en senllas entrevistas concedidas nas últimas horas: o primeiro, na Ser, e o segundo en Onda Cero. E todo por mor na polémica xurdida a raíz das declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón que, a xuízo de Planas poñen en dúbida a calidade dos alimentos producidos en España. Sánchez dixo lamentar “moitísimo” esa polémica suscitada, ao considerar que non se corresponde coa realidade do sector gandeiro nin co traballo do seu Executivo. “Con iso dígoo todo”, manifestou.

Mentres tanto, os gandeiros din abertamente que o ministro Garzón tería que ser cesado, cadrando nesta exposición coa postura adoptada ao respecto polos partidos da oposición na Cámara Baixa. Todo, para evidenciar unha realidade que medra arredor da gandaría intensiva arroupada pola gandaría extensiva que, en conxunto, debuxan un mapa de España que dá cabida a máis de sete mil “macrogranxas”, na súa maioría adicadas á cría intensiva de aves de curral e de cochos nas comunidades autónomas de Aragón, Cataluña e Castela e León.

A favor e en contra téñense manifestado, amais dos partidos políticos, os axentes sociais, económicos e, obviamente, os medios de comunicación. Na análise que se fai da situación, valórase a calidade da carne e, ao tempo, o benestar dos animais, cuestionados como é sabido por Alberto Garzón nun momento no que este sector primario incide en que se están a cumprir os parámetros comunitarios sobre hixiene, sanidade e benestar animal independentemente do tamaño da granxa. Sobre estas, a maior abundamento, recaen os controis e inspeccións veterinarias que corresponden ás autonomías.

Efeagro, en base aos datos oficiais facilitados polos ministerios de Agricultura (MAPA) e Transición Ecolóxica sobre estas industrias, deixa patente a existencía no Estado español desas máis de 7.000 macrogranxas: 3.392 de aves e cochos de gran tamaño, complexos industriais de tamén grande tamaño, obrigados a comunicar ao Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR) as súas emisións, algo que, polo de agora, non está obrigado a facer o sector de gando vacún. Este ten destinadas á produción de leite 13.697 explotacións, delas 115 con máis de 626 vacas leiteiras.

O sector do vacún destinado á produción de carne contaba no ano 2020 con 69.126 granxas con vacas nodrizas (é dicir destinadas á cría de tenreiros) das que aproximadamente 3.700 acubillaban máis de 100 nodrizas.
Destinadas á cría intensiva de aves de curral ou cochos as comunidades autónomas con máis “macrogranxas” son Aragón (922), Cataluña (856) e Castela e León (582). As grandes granxas avícolas e de porcino teñen o rexistro no PRTR e este establece que emiten 28 substancias contaminantes, con amoníaco e metano como elementos salientables. Sen embargo, aportan o 0,20% do volume de emisións declarado polo total dos 7.100 complexos industriais ao PRTR.

Esta listaxe de emisións de grandes industrias está encabezado polas instalacións de combustión/enerxéticas, co 51,53% do total, e o sector da xestión de residuos e as augas residuais (5,65%), con datos de 2020.

Das “macrogranxas” de vacún, debido a que non teñen a obriga de declarar emisión ao PRTR, non hai datos; pero si do vacún de leite e non de leite en xeral, que emitiu en 2019 unhas 11.600 quilotoneladas de CO2 equivalentes para o metano (o 72,46% do total gandeiro e o 3,69% do total de emisións de Gases de Efecto Invernadoiro de España).

Ese mesmo ano 2019 (último dato anual ofrecido) o sector con maior nivel de emisións foi o transporte (29,1%), seguido das actividades industriais (20,9%), a xeración de electricidade (13,7%) e a agricultura (12,0%).
Por gases, o dióxido de carbono (CO2) supuxo un 80,0% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro, seguido do metano (12,2%).
De quen é a razón?.