O Concello de Ribeira iniciou estes días un novo proceso de dixitalización de documentos pertencentes ao seu Arquivo Histórico Municipal, con vistas a recuperalos e poñelos a disposición da cidadanía. Estes labores estanse a realizar in situ por técnicos especializados da empresa Vinfra, S.A., que foi quen ganou o proceso de contratación convocado ao efecto. De feito, as melloras introducidas na súa oferta van permitir que no canto das 66.000 páxinas inicialmente previstas sexan acadadas as 90.000.

Entre estes documentos figuran actas da comisión municipal permanente (de 1924 a 1985), actas de pleno (de 1990 a 1998), libros de padróns de habitantes, libros rexistro de salvoconductos (1946-1947), ordenanzas municipais (1867-1880), libros rexistro de entrada e saída de buques (de 1863 e 1896) ou algúns máis específicos como actas da xunta soberana da revolución de 1968.
Toda esta documentación poderá ser consultada de balde a través do Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana). Para acceder ao mesmo, o Concello ten habilitada unha ligazón que permite consultar outras 83.000 páxinas.
Un pouco de historia
O Concello lembra que a inmensa maioría da documentación custodiada é posterior a 1862 posto que o 10 de abril dese ano, sendo alcalde Ventura Pijuán, houbo un incendio na Casa Consistorial que destruíu a totalidade da documentación anterior a esa data. Tamén houbo expurgos incontrolados en períoodos de escaseza de papel, como nos anos posteriores á Guerra Civil, debido á reutilización dos soportes, así como os producidos durante o traslado en 1975 con motivo da construción do actual edificio do Concello.
Ata comezos da etapa democrática o Arquivo atopábase pechado ao público e situado no Consistorio, comezando a partires dos anos 80 un proceso de organización tutelado polo arquiveiro municipal de Betanzos, Alfredo Eiras. Neste tempo os traballos son realizados por persoal municipal e a través de bolsas e convenios, ata a creación da praza de arquiveiro municipal.
Dende os anos 90 os recursos humanos, económicos e materiais dedicados ao patrimonio documental aumentan, e en 2011 inaugúrase un novo edificio para a Policía Local onde se deposita o Arquivo Histórico de Concello de Ribeira.
Na actualidade estanse a realizar proxectos para a descrición e dixitalización do acervo documental da cidade e co obxectivo de difundir este patrimonio a través do devandito portal Galiciana.
O presente investimento está subvencionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
