A Xunta invita a explorar Galicia en “7 días, 7 parques” entre eles o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e a Illa de Sálvora

Stand Galicia en FITUR

A Xunta invita a explorar Galicia en 7 días, 7 parques para coñecer, con premio incluído, a inmensa riqueza do Parque Nacional e os seis parques naturais localizados na Comunidade.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou esta mañá a Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022, onde presentou a nova campaña da Consellería.
Salientou que desde o seu departamento hai unha forte e firme aposta por fomentar o turismo de natureza, que en Galicia ten un gran potencial a través dos seis parques naturais –Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Serra da Enciña da Lastra; O Invernadeiro; Baixa Limia-Serra do Xurés— e
no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
Os visitantes de Fitur foron os primeiros en coñecer a nova iniciativa 7 días, 7 parques, e saber que visitar estas sete xoias naturais ao longo de 2022 terá premio. Tal e como explicou a conselleira, os 20 primeiros que visiten antes do 30 de setembro os seis parques naturais e o Parque Nacional serán recompensados cunha fin de semana para dúas persoas nun dos establecementos hostaleiros da Rede de Turismo de Galicia localizados na área de influencia destes espazos.
“Nos sete parques atopámonos con 58.000 hectáreas naturais e 62 rutas cun total de 413,7 quilómetros para percorrer a pé ou en bicicleta”, lembrou, ao que engadiu que “o número sete está moi presente na actual edición de Fitur”, pois tras o nomeamento da Ribeira Sacra tamén son sete as reservas da biosfera declaradas na Comunidade.
“Galicia conta cun patrimonio natural de incalculable valor, que ademais de ser clave para o medio ambiente e a biodiversidade, é tamén un importante recursos de turismo sostible, tal e como demostran os máis de 5 millóns de persoas que visitaron Galicia en 2019, sendo a paisaxe a primeira das súas motivacións”, subliñou Ángeles Vázquez.
Visitar Galicia ten premio Para participar e completar o novo reto que lanza a Xunta tan só hai que achegarse ata
algún dos centros de visitantes e de interpretación dos sete parques e solicitar un pasaporte, xunto co resto de material informativo da campaña. A partir dese momento, o persoal de cada un dos parques encargarase de selar a casiña correspondente para acreditar que se fixo a visita.
Unha vez completado, bastará con escanealo e envialo por correo electrónico, xunto cos datos persoais, co fin de que a Consellería de Medio Ambiente certifique o documento e se poña en contacto cos premiados.
Para coñecer estes espazos pode facerse en calquera época do ano e sen cita previa, salvo no caso do Parque Natural do Invernadeiro —o único no que se require permiso previo de acceso outorgado pola Xunta— e do Parque Nacional.
Neste último caso e aínda que a tempada alta fixada no Plan reitor de uso e xestión (PRUX) —período no que está autorizado o transporte regular ás Cíes e ás Ons— abrangue do 15 de maio ao 15 de setembro así como a Semana Santa, durante o resto do ano tamén se poden facer visitas guiadas en grupos organizados e con embarcacións
particulares aos catro arquipélagos, incluídos Sálvora e Cortegada.
A conselleira reiterou a súa invitación a visitar os parques galegos porque “cada xoia natural ten as súas propias particularidades e, no seu conxunto, condensan o verde e azul que enriquece os valores naturais e paisaxísticos de Galicia”.