A Xunta incrementa en máis de 65.000 euros o financiamento de servizos sociais comunitarios na Pobra, Ribeira e O Son

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas , informaron dos detalles do financiamento para programas e contratación de persoal técnico de servizos sociais comunitarios municipais. Segundo salientaron, estes programas serán obxecto dun incremento para os concellos de Ribeira, Porto do Son e a A Pobra do Caramiñal, unha suba que fará que os ditos municipios reciban máis de 65.000 euros. En termos máis concretos, a maior contía despegada suporá que o concello de Ribeira conte este ano con dous traballadores sociais máis e Porto do Son con un máis. A Pobra, pola súa banda, porá en marcha un novo programa de inclusión social.

O delegado da Xunta lembrou que a Xunta destinou en 2021 máis de 600.000 euros a todos os concellos do Barbanza para a contratación de persoal, para o financiamento do SAF básico, para o funcionamento das escolas infantís municipais e para a posta en marcha de programas socio comunitarios. Trenor recalcou que “no 2022 manteranse esas partidas e a maiores Ribeira, Porto do Son e A Pobra beneficiaranse do incremento do Plan Concertado que ascende en toda Galicia a 3 millóns de euros”.

Tamén dixo que este incremento redundará nunha mellora nos tempos e na calidade da atención que prestan á cidadanía. Ademais, “acadarase unha maior efectividade das medidas que requiren da implicación destes axentes para acadar os obxectivos de loita contra a pobreza e a exclusión social”, dixo.