O Concello de Ribeira abriu un apartado web dentro da páxina municipal para dar forma a unha consulta sobre as necesidades concretas e prioritarias de cada parroquia con vistas á vindeira posta en marcha do Plan e Obras e Servizos da Deputación (POS 2022). Na consulta a veciñanza das parroquias poderá achegar as súas opinións sobre as demandas urxentes de cada núcleo de poboación.
Para tal fin, aqueles veciños maiores de idade que desexen realizar as súas achegas teñen que cubrir un formulario online habilitado na páxina web antes do domingo 16 de xaneiro á medianoite.
Cómpre salientar que Ribeira ten consignados 903.569 € para dedicar ao POS 2022 (cuxa aprobación será levado a pleno no mes de febreiro) e a tal efecto o Concello considera de interese cal é a percepción dos veciños sobre as actuacións máis importantes a realizar en cada parroquia.