A Asociación de Empresarios de Ribeira comezou este mércores 19 de xaneiro o reparto dos vales aos clientes premiados na súa Campaña de Nadal, que apostaron polo comercio de proximidade facendo as súas compras, nestas pasadas festas, nos establecementos locais.

Os días vindeiros serán entregados os restantes premios do certame, que, como recordaremos, repartirá a relevante cifra de 7.500 premios.

O certame chegou a un punto culminante este 11 de xaneiro, cando a patronal ribeirense efectuou no seu local o sorteo da campaña. Tanto o sorteo como a entrega de premios deste mércores contaron coa presenza do presidente da patronal, Francisco Martínez Gude, e o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Ramón Doval.

Obxectivos e premios
Os obxectivos da Campaña de Nadal foron “fomentar as compras nos nosos establecementos comerciais e premiar a fidelidade dos clientes, agasallando aos consumidores con boletos que lles darán opción a gañar os premios do sorteo”, tal e comunicou o presidente da asociación na presentación da campaña, a comezos de decembro.
Os premios foron, de feito, unha das pezas clave da campaña, un estímulo para incrementar as compras e un xeito de recoñecerlle á cidadanía de Ribeira o seu compromiso cos establecementos de proximidade. Repartíronse finalmente 7.500 euros en vales de compra repartidos en 65 premios.
Na campaña colaboraron o Concello de Ribeira, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. A promoción desenvolveuse entre os días 1 de decembro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022, inclusive.
Os premios representaron en total 7.500 euros en vales de compra repartidos en 65 premios do seguinte xeito: 1º cinco vales de compra por 300 euros, 2º dez vales de compra por 250 euros, 3º vinte vales de compra por 100 euros e 4º trinta vales de compra por 50 euros.
