Ribeira mostrará o seu rico patrimonio pesqueiro cunha ruta de paneis informativos entre Palmeira e Corrubedo

A Consellería do Mar vén de comunicar ao Concello de Ribeira a concesión dunha subvención para a execución dun proxecto turístico denominado Ribeira destino litoral sostible: o mar, un patrimonio visible. Este proxecto abéirase ao marco do GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro) Ría de Arousa.

Porto Fenicio da Covasa – Aguiño – Ribeira

A iniciativa consiste na creación dunha ruta costeira entre Palmeira e Corrubedo coa que, por medio da distribución de 17 paneis informativos, poñer en valor e dar a coñecer tanto aos visitantes como á poboación local o patrimonio industrial, a pesca e o marisqueo situando o foco en diversos elementos representativos do pasado, presente e futuro destes recursos: dende as artes de pesca tradicional, pasando polas vellas conserveiras e fábricas de salgadura, a acuicultura moderna, o cerco, o cultivo do mexillón, o marisqueo do ourizo e a navalla, a recolección e comercialización do percebe na rula de Aguiño, o polbo, o funcionamento da lonxa de Ribeira, etc…

Cada panel (elaborado con materiais de longa durabilidade) abordará un temática determinada que concordará á súa vez coa súa localización. Está previsto situalos en Palmeira, Coroso, na lonxa e o porto de Ribeira, O Touro, Castiñeiras, praia do Castro, O Carreiro, a Lonxa de Aguiño, o Peirao Fenicio, Couso, O Vilar e no pobo e no faro de Corrubedo.

A actuación complementarase coa celebración de visitas guiadas polo litoral e xornadas de sensibilización e educativas.

O proxecto ten un orzamento de 49.803 euros, dos cales a Consellería subvenciona 43.629, correspondente co 100% do importe total subvencionábel. Conforme aos requisitos da achega, a realización do proxecto non pode comezar antes do 1 de xaneiro do 2022 e ten que estar concluída e xustificada o 30 de setembro do mesmo ano.

Paseo do Touro co histórico peirao da antiga Fábrica de Valeiras en fronte

Plan de Sustentabilidade Turística

O Concello lembrou ademais a presentación recente (nun acto ao que asistiu o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda) do Plan de Sustentabilidade Turística, que vai ser financiado con dous millóns de euros de fondos europeos Next Generation e contempla un total de 15 liñas de actuación distribuídas en catro eixos: transición verde e sustentábel (365.000 €), mellora da eficiencia enerxética (435.000 €), transición dixital (200.000 €) e competitividade (1.000.000 €).