Ribeira, entre os concellos con máis persoas usuarias do servizo de Teleasistencia da Deputación

A Deputación da Coruña fixo balance da actividade recente xerada polo seu servizo de Teleasistencia domiciliaria, poñendo o foco nos concellos e no número de veciñas e veciños que fan uso del. Segundo informou a entidade provincial, son xa 2.903 persoas as que se benefician deste servizo, que está presente en 90 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol. Por volume de cidadás e cidadáns que tiran partido da teleasistencia, Carballo sitúase á cabeza con 166 dispositivos despregados, seguido de Narón (156), Ribeira (96), Arzúa (85) , Malpica (81), Melide (78) e Teo (76).

Amais, durante o último ano o servizo atendeu desde a súa central situada no polígono de A Grela (A Coruña) 127.843 chamadas e rexistráronse 333 novas altas, polo que o número de usuarios a día de hoxe alcanza os 2.903.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que “o ano pasado, despois dos meses máis duros da pandemia, eran 2.600 as persoas que se beneficiaban deste servizo, agora son 2.900 e, como dixen naquel momento, o noso obxectivo é seguir crecendo ata chegar aos 3.300 usuarios e usuarias”.

González Formoso salientou “a importancia deste servizo, do que estamos profundamente orgullosos porque sabemos que é útil e mellora a vida da xente, para acompañar aos nosos maiores que viven sós e dar tranquilidade ás súas familias, que saben que se pasa algo hai alguén pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día” e destacou “o gran traballo que realizan as operadoras”. E engadiu: “Sodes un deses servizos esenciais aos que tanto temos que agradecer o seu esforzo durante esta crise”.

O presidente tamén recordou que durante crise do coronavirus a Deputación reforzou o servizo e simplificou os trámites para acceder de forma urxente á Teleasistencia, que “é de balde para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional”.

Presenza no Barbanza

-Boiro 49

-Carnota 17

-Lousame 15

-Mazaricos 13

-Noia 23

-Outes 68

-Pobra Do Caramiñal (A) 14

-Porto Do Son 31