Ribeira amplía a rede de alumeado público coa instalación de novas luminarias en 37 zonas

O Concello de Ribeira vai a ampliar a rede de iluminación pública exterior do municipio coa instalación de novos puntos de luz en 37 rúas, núcleos e lugares repartidos polas nove parroquias.
Esta próxima instalación, que xa foi aprobada, responde ás carencias detectadas nalgúns puntos, parte das cales foron comunicadas polos veciños do contorno. Por exemplo, vaise dotar de iluminación exterior aos parques infantís da Casa do Mar de Corrubedo e da rúa Castelao en Aguiño, ou á pista multideporte situada xunto ao Campo da Tasca nesta última parroquia, de tal xeito que estas instalacións municipais ao aire libre poidan ser utilizadas en horario nocturno. Tamén se vai reforzar por exemplo o alumeado do Centro Social de Oleiros.
O número total de puntos que se van a instalar son 61. Unha parte figuraba nas existencias do Concello e outra tivo que ser adquirida por un importe de 39.997 euros.
Renovación na rúa Galicia
No ánimo de seguir mellorando a rede de iluminación, cómpre lembrar que xa foron adxudicados e están pendentes de executar os labores de renovación da iluminación exterior nun amplo tramo da rúa Galicia substituíndo as luces actuais por outras (60 en total) de maior eficiencia e acordes coa tipoloxía peonil da vía.
De igual xeito, o mes pasado procedeuse a renovar outras 28 luminarias nas rúas Lugo e Rosalía de Castro.

Pista multideporte Aguiño