O BNG presenta enmendas ós orzamentos da Xunta para Muros- Noia

17 Decembro 2021

A deputada Rosana Pérez explicou nunha rolda de prensa que tivo lugar no náutico do Freixo que o BNG presentou máis de 400 emendas a aos orzamentos da Xunta, as cales foron rexeitadas en comisión, unha por unha, polo Partido Popular.
En opinión dos nacionalistas trátanse duns orzamentos que nada fan para a paliar a perda de servizos que sofre en país, cando, por exemplo, na comarca de Muros e Noia, estanse a pechar centros de ensino como o do Pino do Val, e cando o recorte de profesorado provocou mobilizacións importantes como as da comunidade educativa do CEIP de
Outes. Ademais, sinalan que, no caso da sanidade, os centros de saúde están baixo mínimos e un mesmo pediatra, o de Lousame, ten que atender aos nenos e nenas de 3 concellos de xeito recorrente.
Tampouco entenden, no eido do saneamento, que mentres a Xunta deixa sen executar fondos europeos do período 2014-2020 por máis de 115 M€, nun contexto de ameaza firme de sancións por parte da UE pola baixa calidade das augas, se continúe sen destinar os fondos necesarios para o saneamento de municipios como Noia ou Outes. Neste
sentido o BNG apunta que a execución do Plan director de saneamento de Noia é unha necesidade imperiosa para a comarca e a ría, sendo necesario ir dando pasos nunha actuación que require de moitísimos recursos público. Para comezar con ditas actuacións, o BNG inclúe nas súa emendas máis de 1.320.000 euros para a mellora da EDAR de Noia, e poder comezar a paliar as carencias gravísimas que recolle o Plan Director. No caso de Outes tamén propoñen o investimento de 400.000 euros para o arranxo da EDAR e o sistema de saneamento.
Denuncian ademais os nacionalistas como os orzamentos da Xunta volven a recoller partidas, como é o caso da partida dedicada á mellora do abastecemento de auga de Noia, que veñen aparecendo ano tras ano nos orzamentos dende 2017, mais que finalmente non se executan, perpetuando, neste caso concreto, os problemas recorrentes da auga da traída en varias zonas do municipio noiés. O mesmo acontece coa partida para o desdobramento do corredor Brión-Noia, que tan só é de 250.000 euros e permanece no documento dende hai 5 anos sen que se leve a cabo a intervención; ou do remate da rampla de Esteiro, que xa aparecía nos orzamentos de 2019, e á que dedican unha ínfima partida de 20.000 euros cando as actuacións a levar a cabo teñen un orzamento de 180.000.
Para o BNG, esta falta de compromiso do Goberno galego non se corresponde para nada cuns orzamentos “históricos”, como o PP os cualifica. Rosana Pérez sinala que “máis ben parécennos dignos da prehistoria xa que se continúan sen atender cuestións tan básicas como a creación dunha escola infantil pública en Noia, que incribelmente continúa a ser o único municipio galego de máis de 10.000 habitantes sen ela”. O BNG inclúe unha emenda de 300.000 euros para a súa creación e outra de 200.000 euros para que tamén se realice unha en Outes. Na infraestrutura educativa os nacionalistas tamén apostan pola creación dun comedor para o colexio ‘Rodríguez Cadarso’ de Noia cunha emenda con 190.000 euros.
A deputada nacionalista tamén quixo destacar que Muros-Noia se trata “dunha comarca onde as súas infraestruturas viarias e a falla de conexión entre os concellos é unha evidencia e por iso nós propoñemos a creación dunha liña de bus que vertebre os concellos da comarca”. En canto ás infraestruturas o BNG tamén bota moi en falta actuacións de
mantemento na AC-550 e na AC-196, estradas onde a falla de seguridade viaria é patente.
Neste eido, tamén inclúen unha partida superior ao millón de euros para a execución do proxecto para a mellora da Avda. de Fisterra de Outes, que leva máis de 10 anos comprometida, e unha emenda por máis de 200.000 euros para o arranxo e mantemento da ponte de Seilán.
Outra das apostas prioritarias para o BNG é poñer en marcha dunha vez por todas un tratamento digno para a maior colección de laudas gremiais do mundo, e inclúen unha emenda de 900.000 euros para a rehabilitación da casa da cultura Antón Avilés de Taramancos e poder converter o museo de Laúdas nun centro de interpretación da vila
medieval e dos gremios no que expoñan moitas máis pezas deste distinguido patrimonio.
Ademais, o BNG quere manifestar unha vez máis, neste caso a través das emendas aos orzamentos, o seu firme compromiso co modelo de recollida e tratamento de residuos da planta de Lousame e inclúe 500.000€ para unha máquina volteadora, necesaria para a estabilización do compost. Insistimos en que é a hora de que a Xunta deixe de marxinar as alternativas viábeis a SOGAMA e estableza liñas de cooperación coa Mancomunidade Serra do Barbanza.
Finalmente, os nacionalistas sinalaron que estas “son parte das nosas propostas fronte á inacción e a falla de atención do Goberno galego con esta comarca e que seguirán a insistir nelas ata que sexan atendidas”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión