O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local

17 Decembro 2021

O BNG ribeirense lanzou este 17 de decembro unha campaña de apoio ao comercio local baixo o lema Máis local, mellor galego; aposta polo noso coa que se pretende promover as compras nos negocios da localidade.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, fixo un chamamento a consumir nos comercios dos nosos veciños e amigos nestas datas de grandes compras porque “consumir produtos galegos, xera riqueza e emprego e reforza o comercio sustentábel”. Para o BNG o comercio local é “un sinal da identidade e non podermos entender a vida nas nosas vilas e cidades sen este comercio”. Asemade, “consumindo nos negocios estamos favorecendo a dinamización económica da nosa contorna e obtemos produtos a bo prezo e de calidade”, dixo.

O concelleiro nacionalista incidiu na necesidade de seguir impulsando o sector comercial xa en crise dende antes da pandemia e gravemente afectado agora polo impacto da COVID-19. Barral puxo en valor que unha proposta feita polo Bloque como o bono comercio “vaia xerar un impacto económico positivo no comercio e hostalaría de Ribeira e axude a moitas familias cos gastos do Nadal”. E engadiu: “Estamos moi contentos de que esa medida que propuxemos e aprobamos en agosto, tras reunirnos coa asociación de empresarios, teña tan boa acollida entre a poboación e os comerciantes”. 

A campaña de apoio ao comercio local do BNG que se desenvolverá nestes días vai acompañada de propostas concretas, entre as que Barral destacou “a necesidade de promover unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes”, reclamou”. E engadiu: “O comercio das nosas vilas precisa unha lei que defenda o pequeno e mediano comercio galego e resulta necesaria para crear emprego e riqueza e sobre todo unha rede de distribución dos produtos galegos”.

Por outro lado, tamén reclamou axudas para a dixitalización e considerou que “sería unha fraude” que os fondos europeos para a reactivación económica non se usaran nas pequenas e medianas empresas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

A Unión Europea sempre estivo comprometida, polo menos en teoría, coa redución da pobreza e a exclusión social. Actualmente e de fronte ao futuro, segundo algúns expertos, requirirá un cambio de paradigma nas políticas económicas, cuxo punto de partida deberá ser o...