Na Pobra iníciase un novo expediente de licitación para as obras do Polideportivo de Venecia

22 Decembro 2021

O Concello da Pobra do Caramiñal iniciou un novo expediente de licitación para os traballos de mellora e rehabilitación do Polideportivo de Venecia. A nova foi dada a coñecer en rolda de prensa polo alcalde Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra).

Segundo explicaron, nestes días procedeuse a rescindir o contrato coa empresa que resultara adxudicataria das obras da referida instalación deportiva, Construcciones Alea, o que posibilitou que se elaborase un novo expediente de contratación, valorando o Goberno municipal a posibilidade de licitar pola vía de urxencia ou directamente declarar a actuación de emerxencia, “que permitiría a adxudicación directa evitando o procedemento de licitación, sempre máis lento”, sinalaron. Para isto, explicaron, “é preciso un informe técnico sobre o estado actual que certifique o risco de deterioro da construción”. Neste caso solicitaríanse un mínimo de tres ofertas ou incluso podería publicarse na plataforma de contratación do estado.

No relativo á motivación da demora, fixeron un repaso de todo o acontecido ata o día de hoxe, cuxa orixe está en 2017 e na aprobación, ese ano, da partida necesaria para esta actuación, por un importe de 314.000 euros. No proceso de licitación resultara adxudicataria a referida empresa por 231.000 euros, comezando as obras en decembro de 2019 coa retirada do falso teito, parte do cal estaba previsto aproveitar, non sendo posíbel finalmente “polo seu mal estado, sendo preciso realizar unha modificación do contrato para ampliar o número de paneis previstos”. O rexedor indicou na rolda de prensa deste mércores 22 que, a maiores, “a empresa tamén solicitaba outras melloras dentro do proxecto, todo isto trasladado en conversas, pero que non se podían aceptar por ser unidades de obra non contempladas no proxecto”. Piñeiro e Hermo engadiron que xa no segundo trimestre do 2020 chegou a COVID-19 polo “que foi paralizada a actividade, solicitando a firma unha indemnización por esta razón”. Tras uns meses, resolveuse a modificación do contrato no verán de 2020, chegando o montante da intervención aos 341.000 euros. O Concello non emitiu acta de suspensión, polo que, transcorridos oito meses, no mes de setembro do pasado ano, a empresa empregou este período para presentar a súa renuncia ao contrato, acompañado dunha solicitude de compensación económica.

A partir de aí comezouse novamente con escritos para intentar solucionar a situación por vía administrativa e recorrendo o Concello a unha asesoría legal externa, o bufete de avogados Óscar Rego, ao que o rexedor agradeceu expresamente o seu traballo. Acordouse así coa adxudicataria, ademais dunha indemnización de 5.000 euros, a renuncia a calquera dereito de reclamación con posterioridade, escrito que se presentou en setembro do presente exercicio, para ser estudado polo persoal técnico do Concello e a día de hoxe xa está resolto ese contrato. Tanto o alcalde como a edil fixeron fincapé en “que non se deu antes conta de toda esta situación á veciñanza para non entorpecer as negociacións e expresaron o seu agradecemento pola súa comprensión ás persoas usuarias, así como ao Concello de Ribeira por ceder as súas instalacións para que algúns clubs deportivos da Pobra puideran continuar coa súa actividade”. Tamén informaron que se procedeu a alugar un espazo para poder realizar nel algunhas das actividades que empregaban o polideportivo.

Asemade, quixeron indicar que a demora na execución da obra non se debe a ningunha decisión política, senón a tódolos problemas técnicos e administrativos que se presentaron durante a tramitación do expediente.

Outros artigos

Incendio nun colector do lixo no concello da Pobra do Caramiñal

Arredor das 6:00 da mañá deste 25 de marzo, o Parque Provincial de Ribeira recibiu aviso dun incendio nun colector do lixo na rúa Castelao, no concello da Pobra do Caramiñal. Ao chegar ao lugar, os bombeiros comprobaron que se trataba dun residuo sólido urbano que...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

A Unión Europea sempre estivo comprometida, polo menos en teoría, coa redución da pobreza e a exclusión social. Actualmente e de fronte ao futuro, segundo algúns expertos, requirirá un cambio de paradigma nas políticas económicas, cuxo punto de partida deberá ser o...