
A estrea na noite de onte da obra “O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)” sobre as táboas do Auditorio a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira resultou un absoluto debut con todas as butacas ofertadas cubertas (223, o 80% do aforo) para contemplar esta comedia de época dirixida por Oscar Romero co apoio de Chiki Durán. Entre os
asistentes estiveron os alcaldes de Ribeira e Porto do Son, Manuel Ruiz e Luis Oujo.
Tal foi a repercusión do evento que hoxe sábado e mañá domingo volverá a repetirse a representación. Para a función desta tarde, programada para as 20.30 horas, hai 180 inscritos e quedan 20 entradas gratuítas a disposición de quen queira achegarse ata o Auditorio (a apertura de portas será ás 20 horas).

Vinte actores
Na tarde de mañá a representación arrancará ás 19 horas e xa ten reservadas 220 butacas (cartel completo), o que fai que en total sexan alomenos 623 os espectadores que contemplarán unha comedia representada por 20 actores e actrices.
Ademais, unha vez remate da función dominical (cunha duración dunhas dúas horas) farase un acto moi especial: unha doazón de 395 euros xuntados polo Grupo de Teatro para a Fundación ANDREA no nome do finado Daniel Gómez Ramil. Para a entrega estarán, ademais de Óscar Romero, a viuva e a filla de Daniel, Manuela Bellas e Iria Gómez.
Cómpre explicar que o espectáculo está dedicado a Daniel, quen tiña o papel de Marqués sen que tristemente tivese oportunidade de estrealo esta fin de semana. Os membros do Grupo decidiron recadar a devandita cantidade, posto que Daniel manifestou que en lugar de flores se fixese unha doazón a unha ong da elección do Grupo, que se decantou por ANDREA polo labor que fan no hospitais entre os nenos ingresados con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminales. Estará presente para recibir a doazón a súa directora Amaya Castro.
