En Ribeira unha completa programación espallará o nadal por todas as parroquias

O Nadal regresa ás rúas do concello de Ribeira cunha completa programación que se espallará por todas as parroquias do municipio e que foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, María Sampredro: concertos, contacontos, exposicións, espectáculos, etc., encherán un calendario de eventos que culminará coa tradicional cabalgata precedida do percorrido dos Reis Magos por todo o termo municipal a bordo do Bus Real.


Parte da programación infantil-familiar está centralizada no auditorio municipal de Ribeira, onde xa este venres 17 haberá unha sesión de teatro para adultos ás nove da noite a cargo da escola de teatro de Narón coa obra “Noite de Reis” e o sábado o festival de Nadal de Tahume ás sete. Despois desas dúas representacións xa se comezará cunha programación pensada para os nenos e nenas coincidindo coas vacacións escolares de Nadal, que poderán gozar
xa o mércores 22 dos Contos de Nadal de Pedro Brandariz, do Apalpador da Xanela do Maxín ao día seguinte, do espectáculo musical Teatro dos Vieiros o domingo 26, de funcións de monicreques a cargo de Títeres Cachirulo e Títeres Cascanueces, do Mago Rafa, a obra Roedores de Redrum Teatro o domingo 2 de xaneiro ou o Festival de Bailadela, entre outras. Todas elas celebraranse ás sete da tarde no auditorio e con entrada gratuíta.
Ademais os días 24 e 31 de decembro, pero no pavillón do CEIP O Grupo celebraremos pola tarde sendas festas infantís de Noiteboa e Noitevella con entrada gratuíta. Nesta edición tamén queremos dar un protagonismo especial ás actuacións musicais e preparamos un programa de concertos de Nadal que estarán espallados por todas as
parroquias. Comezarán as actuacións este domingo 19 co concerto da orquestra Sons na igrexa de Ribeira, e o concerto da Misela na Igrexa de Bretal.
A estes seguiranlle outra actuación da Misela en Castiñeiras o 22 de decembro, o concerto da Coral Municipal o xoves 23 en Ribeira que ademais suporá a estrea do seu director Chema Ares, o concerto de música clásica do Riobó Quartet na Igrexa de Aguiño o domingo 26, a Misela en Oleiros o 29 de decembro, e a soprano Esperanza Mara o 2 de xaneiro na Igrexa de Palmeira. Todas serán ás 19h agás a actuación en Bretal que será ás 18:00h.
Ademais destas actuacións volvemos a apostar pola música itinerante co programa Rúas Musicais e teremos concertos de grupos locais ao aire libre como Blow, Amores de Barra, Os Juapos e outros, así como de charangas os días 24, 26 e 31 de decembro e 2 e 5 de xaneiro.
Tampouco nos esquecemos de levar a programación infantil a todas as parroquias xa que sabemos que os verdadeiros protagonistas nestas datas son os máis pequenos da casa, e por iso volve o Nadal Pelegrín que estará viaxando por todas elas polas tardes dende o 22 de decembro, que arrancará en Palmeira ata o 4 de xaneiro que rematará en Aguiño. No Nadal pelegrín haberá inchables, visita do carteiro real, obradoiros infantís e un espectáculo sorpresa ademais de música e baile. Os nenos e nenas que acudan ás actividades recibirán unha bolsa de lambetadas e unha rifa para participar no sorteo dos agasallos que realizarán os Reis Magos o día da Cabalgata dende os balcóns do Concello.
Tamén contaremos en Ribeira co tren infantil Expreso de Oriente que percorrerá as rúas os días 24 e 31 de decembro, e cun Recuncho de Nadal que estará situado na praza de Porta do Sol cunha cabaña onde o Pai Noel, o apalpador e o Carteiro Real recibirán todos os días aos nenos e nenas que queiran ir visitalos e recollerán as súas cartas agasallándoos cunha bolsa de lambetadas e unha rifa para o sorteo antes citado.
Durante o Nadal tamén continuamos co programa expositivo na Sala do Centro Cultural Lustres Rivas e o venres 23 de decembro ás sete e media da tarde teremos a inauguración da exposición colectiva Luarada na que participan 17 artistas do grupo Galeoska.
A programación tamén incluirá o 5 de xaneiro a visita do BUS REAL ás parroquias coas súas maxestadades e a celebración da Cabalgata de Reis, da que daremos máis información nos vindeiros días.