Ampliación: Unha muller perde a vida en Rianxo despois de producirse un accidente con tres vehículos implicados

Todo parece indicar, segundo informaron os Bombeiros, que a muller que viaxaba de acompañante nun dos vehículos implicados e que estaba parado na Autovía, por mor dunha avaría, faleceu ao ser atropelada por un dos coches que o alcanzou.

O accidente ocorreu quince minutos antes das nove da pasada noite. Foi a esa hora, cando unha persoa particular daba conta ao 112 Galicia dun sinistro, posiblemente grave, na AG-11, punto quilométrico 18, en Taragoña, dirección Padrón. Ao mesmo tempo, outros particulares informaban do mesmo suceso aos xestores de emerxencias, indicaban que un coche alcanzara a outro que estaba parado e que podía haber un terceiro turismo implicado. Así mesmo, os alertantes relataban que ademais dunha muller que estaba tendida no chan e que puidera ser atropelada, había outra persoa que non podía saír do interior dun dos vehículos.

Decontado, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, así como, aos axentes de Tráfico, da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Nada máis chegar ao punto, os Bombeiros confirmaron o falecemento da muller que estaba tendida no chan e que posiblemente fora atropelada. Igualmente, indicaron que non foi preciso o uso do material de excarceración para liberar á persoa que se atopaba no interior dun dos tres vehículos sinistrados.   

Con todo, os profesionais sanitarios comunicaron que ademais da persoa falecida, atenderon a tres feridos máis, un deles, trasladado ao centro hospitalario de referencia.