Ambar celebra o Día dos Dereitos Humanos (e os seus 40 anos de andaina) presentando os detalles do seu Calendario Solidario 2022

10 Decembro 2021

Este 10 de decembro, coincidindo coa celebración do Día dos Dereitos Humanos, a Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional presentou no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal o seu Calendario Solidario edición 2022. Segundo fixo saber a entidade con sedes principais en Ribeira e na Pobra, esta edición está marcada pola conmemoración do 40 aniversario da asociación, que en 2022 celebra catro décadas de andaina “impulsando os dereitos das persoas con diversidade funcional”.

Catro décadas de cinema e talento

Baixo o slogan 40 anos de cine, 40 anos de Ambar, a publicación recompilará fitos históricos da traxectoria da entidade a par que películas representativas do cine español desas datas. Nesta ocasión Ambar volverá contar con colaboración do fotógrafo Victor Manuel Martínez (Pichero) e a súa compañeira Paula Bello.

A presentación do calendario foi encabezada por Milagros Rey, presidenta de Ambar; Zeltia Iglesias, responsábel do proxecto e integradora social de Ambar; Victor Manuel Martínez, fotógrafo do calendario; e Amparo Cerecedo; concelleira de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal. Á cita asistiron os e as protagonistas das portadas de cinema cos seus familiares, ademais dos e das profesionais de Ambar: arredor de 100 persoas en total.

Milagros Rey agradeceu o apoio de todas as persoas que estiveron dende os inicios de Ambar, nacida no 1982 nunha casa particular na Pobra do Caramiñal, e destacou a importancia de que “as persoas con diversidade funcional teñan o seu espazo na comunidade para que non quede dúbida algunha das súa capacidades”.

Pichero falou de como o cartel foi creado “dende cero” e destacou “a transcendencia do calendario na comunidade de cine”, unha homenaxe á acción que Ambar realiza.

A publicación ten un custe de 7€ na súa versión de parede e 3€ de mesa. Pode reservarse tanto na web da entidade como nas canles habituais: chamando ó 981 87 44 80 ou escribindo a correo@asociacionambar.org.

A asociación fixo saber que este proxecto comezou a súa andaina no ano 2015, homenaxeando e enriquecendo carteis e fotogramas de cinema con valores sociais e de apoderamento. Agora, o calendario vístese de gala para conmemorar o 40 aniversario da Asociación Ambar. Nesta edición estará composto por carteis representativos do audiovisual español dos últimos 40 anos e irá acompañando de fitos históricos relevantes na traxectoria da entidade. Coa recadación obtida da súa venta, Ambar impulsará proxectos que melloren a autonomía e calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión