A veciñanza rianxeira expón as súas suxestións e demandas en relación á futura reforma da Biblioteca Municipal

Estes días celebráronse en Rianxo unhas xuntanzas veciñais impulsadas polo Concello e a Biblioteca Municipal para dilucidar de xeito colectivo e aberto o futuro deste céntrico edificio emprazado no BIC Pazo de Martelo. Estamos a falar das actividades do primeiro obradoiro de participación cidadá para a reforma da Biblioteca, sesións nas que participaron (achegando suxestións e recibindo claves sobre os servizos actuais que ofrece o edificio) rianxeiras e rianxeiros de todas as idades e que terán continuidade co novo ano, neste mes de xaneiro.

Con diferentes actividades didácticas e lúdicas buscouse que as persoas participantes achegasen cadanseus modelos de Biblioteca, as súas demandas e os seus intereses.

O obradoiro foi impartido pola arquitecta Sandra González e contou coa colaboración da bibliotecaria Sofía Carou. Dividiuse en grupos de idade.

Reforma integral

O Concello explica que estas sesións participativas son un importante apoio para o proxecto de reforma integral do edificio, moi danado nestes momentos. Este proxecto, engade o Goberno local, preténdese dirixir a varias solicitude de axudas que están a piques de producirse, a primeira delas baixo o epígrafe do 1,5% Cultural do Ministerio de Fomento. A segunda, dentro dos fondos europeos do Programa de Impulso a la rehabilitación de edificios públicos (PIREP). Ambas, xunto a un programa de préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo, “son alternativas que se barallan para acadar os recursos”, sinalou o Concello, engadindo que existe un proxecto básico inicial de reforma que se centra en dous aspectos como son, por unha banda, a accesibilidade xeral dos dous andares do edificio, mesmo desde a praza Rafael Dieste. Pola outra, a reforma para dotar de elementos de illamento térmico de cuberta e xanelas, calefacción e facelo en definitiva máis sustentábel e cómodo para a cidadanía.

A Biblioteca conta con preto de catro mil usuarios e uns 26.000 volumes cunha das maiores cifras de préstamos da nosa bisbarra, “mais precisa dunha urxente posta o día do equipamento para o que se traballa coa Arquitecta Sandra González de Post Arquitectos”, informou o Concello.