A Unidade Veciñal de Dodro pide a dimisión do concelleiro Valentín Alfonsín

A Unidade Veciñal de Dodro denuncia nun comunicado que nos últimos meses estanse a presenciar feitos por parte do portavoz do Partido Popular e ex-alcalde Valentín Alfonsín Somoza que pode supoñer, din, “un caso de acoso a unha traballadora do Consistorio”. Desde a formación municipal afirman que “as acusacións feitas por esta persoa que ocupou un cargo tan importante como o da alcaldía do Concello durante o período 2011-2019 e que neste momento é portavoz municipal e deputado na Deputación de A Coruña son uns feitos desprezables e condenables”.
No comunicado de UVD di que nos últimos plenos realizáronse as seguintes declaracións:
“É evidente que por parte da secretaria do concello están máis preocupados por tapar as ilegalidades do señor Castro que en atender as funcións administrativa que teñen que desenvolver” como se pode apreciar na acta do pleno de outubro, acusando a unha traballadora pública de encubrimento de fraude.
Ou a de “traerse a Secretaria que vostede escolleu”, como se pode apreciar na mesma acta do mesmo pleno de outubro, actuando con menosprezo a “RESOLUCIÓN de 22 de abril de 2021, de la Dirección General de Administración Local, por la que se da publicidad de las convocatorias del concurso ordinario para la provisión de puestos de trabajo reservados a personal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional. “

Desprezos e acusacións, din desde UVD, cara esta traballadora continuados no tempo que sobrepasou todas as liñas no pleno do pasado 9 de decembro onde fixo o seguinte comentario: “non dirán que non teñen secretaria, tiveron tres, calquera pensaría que están todas adicándose a escoller as cortinas ou as cores dunha casa nova” como se pode apreciar no vídeo do pleno de decembro colgado na canle de Youtube municipal.

Desde o equipo de goberno do concello de Dodro din non merecer a participación na súa vida política dunha persoa con este comportamento. Así a Unidade Veciñal de Dodro pide publicamente a Valentín Alfonsín Somoza que
renuncie á súa acta como concelleiro e se aparte da vida política na maior brevidade posible por ser este comportamento incompatible con esta, de non ser así, debería ser o Partido Popular de Galicia quen tome decisións internas para conservar os valores éticos do seu partido, se os ten.