A ABE incrementa nun 33% os premios da súa Campaña de Nadal

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) presentou os detalles da súa Campaña de Nadal para este punto de inflexión entre 2021 e 2022, unha iniciativa que comeza este primeiro de decembro e que se estende no tempo até o 9 de xaneiro, lográndose unha taxa de participación total: a dos 190 negocios asociados á entidade. A iniciativa seguirá o camiño deixado pola campaña de verán, que resultou un éxito dende todos os puntos de vista, poñendo en práctica o mesmo sistema de rexistro de tíckets e facturas online. A ABE correrá con todos os gastos da campaña. Os detalles foron dados a coñecer este mércores 1 polo presidente Daniel García e pola concelleira María Outeiral.

Segundo salientou García, “será a primeira vez dende hai mais de 25 anos en que non se repercutirá ningunha cota especial aos socios con motivo da súa participación na campaña do Nadal”.

Os premios increméntanse nun 33% respecto do ano anterior xa que serán sorteados 3.000 € en vales de compra para utilizar nas empresas asociadas, repartidos en 4 sorteos semanais de 500 € (5 premios de 100 €) e na última semana da campaña 1 sorteo de 1.000€ para un único gañador. Segundo explicou García, serán válidos para rexistrar todos os tíckets e facturas emitidos entre o 4 de decembro (data de inicio da campaña) e o 9 de xaneiro (data de finalización).

O calendario de sorteos é o seguinte:

-Sorteo 1 – 500€ ( 5 premios de 100 €)

Rexistros do 4 ao 12 de decembro >> sorteo o 13 de decembro

-Sorteo 2 – 500€ ( 5 premios de 100 €)

Rexistros do 13 ao 19 de decembro >> sorteo o 20 de decembro

-Sorteo 3 – 500€ ( 5 premios de 100 €)

Rexistros do 20 ao 26 de decembro >> sorteo o 27 de decembro

-Sorteo 4 – 500€ ( 5 premios de 100 €)

Rexistros do 27 de decembro ao 2 de xaneiro >> sorteo o 3 de xaneiro

-Sorteo 5 – 1.000€ ( 1 premios de 1.000 €)

Rexistros do 3 ao 9 de xaneiro >> sorteo o 10 de xaneiro

Para participar os clientes deben realizar unha compra en calquera dos 190 socios da ABE, facer unha foto do tícket ou factura e rexistrala en www.abe.gal.

Promoción e publicidade

Os establecementos que teñen local de cara ao público como comercio, hostalería e similares lucirán carteis en círculo de 49 cms.

Complementando esta campaña e buscando achegar a imaxe das empresas asociadas aos veciños e visitantes colocaranse nas rúas de Boiro dous tótems de 2,5 metros en forma de cubo no que irá ademais da imaxe da campaña os nome comercial de todos os socios da ABE.

En paralelo desenvolverase unha campaña de promoción e publicidade en medios de comunicación e redes sociais.

A iniciativa desenvolverase nas redes baixo o cancelo #nadalfantastico

Agasallo para empresas socias e bonos regalo ABE

A ABE, a xeito de obsequio cos seus asociados, realizou unha memoria de actividades de 16 páxinas que inclúe ademais do resumo anual e as actividades realizadas un calendario laboral de Boiro e información de servizo. Esta memoria vai incluída “nunha vistosa axenda anual” que será entregada a cada socio xunto coa tradicional postal de nadal.

Bonos ABE

Respecto dos Bonos ABE, a patronal lembrou xa están dispoñíbeis as caixas agasallo para que calquera empresario ou cliente os poida mercar tanto para incluílos no tradicional aguinaldo de empresa ou para usalos como regalo de Nadal. A xeito de curiosidade, a asociación indica que a semana pasada recibiu un pedido dende Glasgow (Escocia) que foi encargado e pagado dende aló e entregado a unha persoa de Boiro con motivo do seu aniversario.