5 de decembro: 100 anos da posta en marcha do Faro de Sálvora

05 Decembro 2021
Imaxe do faro de Sálvora a finais da década dos anos vinte. Sinalado o lugar do afundimento do vapor-correo Santa Isabel

“Cen anos do faro de Sálvora”. Por Xosé María Fernández Pazos

Este 5 de decembro cómprense 100 anos da posta en marcha do Faro de Sálvora. Construído nos anos anteriores o naufraxio do vapor-correo do Santa Isabel, o faro non chegaría a tempo para evitala traxedia do terceiro suceso en número de vítimas das costas galegas, 213, e do que este ano que remata lembramos os cen do seu afundimento nos baixos da Pegar, xusto baixo do faro actual.

Tampouco evitaría o faro novo que un ano despois en 1922 outro buque, o Cataluña, embarrancara no mesmo lugar que o vapor da Compañía Transatlántica Española, aínda que sen vítimas.

Alzado do vello faro de Sálvora . Ano 1899. Arquivo Joferpa

Proxecto

En 1904 o Servizo Central de Sinais Marítimas, decidiu revisalos faros da ría de Arousa dándolle prioridade á construción dunha nova luminaria que substituíra o vello feito en 1851. O obxectivo era darlle mais altura logrando con elo que fose visible desde o interior da ría e que servira para a guía de entrada e saída de buques, cubrindo amais a sinalización ata o baixos de Corrubedo, o que obrigou incluso a dinamitar parte das rochas do lado dereito e deste xeito permitir que chegara a luz do faro. Na operación tiveron que demolerse preto de mil metros cúbicos de rocha debido a un erro nos cálculos  de altura da luz que quedaba tapada cara o noroeste. Tamén sería demolido o vello faro o material do cal foi usado na construción do novo.

En 1905 a obra encargase os enxeñeiros de Pontevedra que entrarían a formar parte dunha comisión na que tamén estaría o Ministerio da Guerra, xa que a illa fora expropiada por necesidades de defensa nacional e 1904 instalándose nela unha batería, o que obrigou a desprazar o faro unha ducia de metros o noroeste. O faro chegaría os 40 metros de altura desde o nivel do mar.

O proxecto do novo faro foi realizado polo enxeñeiro Mauro Serret, que pertencía ao Servizo Central de Sinais Marítimas. Cun orzamento de 123.132, 80 pesetas, algo mais de 740 euros actuais, o faro entrou en funcionamento o luns 5 de decembro de 1921 coa categoría de “faro de terceiro orde Gran Modelo” e cun alcance de 17 millas náuticas, preto de 31 quilómetros. O edificio tería unha planta en forma de U e torre octogonal pegada á fachada posterior do edificio principal. Sería de forma troncopiramidal e realizada en cantería vista e cun dobre balcón superior. Inicialmente, no proxecto iniciado en 1910, non se fixara a altura da torre pendente do tipo de lanterna e iluminación do que sería dotado.

O novo faro a principios do ano 21 aínda non operativo. S. Corral

As características técnicas do faro e a mellora das instalacións para os torreiros e familias, foi considerado pola prensa como un dos máis modernos da época. A luz producíase cunha lámpada de vapor de petróleo alamana que sería anos despois cambiada por outra inglesa das mesmas características. En 1992 cambiaríase por unha eléctrica alimentada por grupos electróxenos e posteriormente por un sistema fotovoltaico. Por certo o faro de Sálvora sería xunto o de Ons e Sisargas dos últimos en usar petróleo. No ano 2000 o sistema de rotación, que usaba un complexo sistema de engrenaxes, pións e rodas foi cambiado por un motor eléctrico de rotación.

O faro funcionaba con petroleo e periodicamente unha embarcación transportaba un cento de bidóns de 50 litros. Tratábase dun traballo arduo xa que o barco tiña que fondear preto do peirao e levar e nun bote a remo levábase o dique para os eu traslado. A veces os traballos de descarga obrigaban a gardar nunha caseta aínda existente agora parte da carga ata o día seguinte.

A estrutura do faro quedaría pechada cunha cuberta plana. A torre remataría na súa parte superior cunha cornixa en forma cilíndrica ata a base da lanterna mentres que o interior sería un oco octogonal da torre cunhas escaleiras de fundición quedando o centro libre para a baixada dos cables do motor.

O faro de Sálvora é moi semellante o de Punta Insua en Carnota acendido tamén nese mesmo ano 1921, e que acelerou a súa construción polo naufraxio do cruceiro Cardenal Cisneros afundido en 1908 o encallar nos baixos de Os Meixidos entre as rías de Corcubión e Muros, considerado un dos puntos mais perigosos de toda a costa da morte cunha ducia de afundimentos.

O vello faro

O actual faro de Sálvora substitúeu o vello feito en 1851 por Celedonio de Uribe, un dos mais activos enxeñeiros da provincia, autor entre outros dos proxectos dos faros de Corrubedo e Cíes, e quen deseñaría boa parte das vías provinciais. como as estradas de Noia – O Son en 1868 e a estrada de Padrón a Ribeira, e nesta cidade o dique, a precisión de desaugues e outras obras que permitirían levantar os primeiros planos das vilas comarcais inexistentes a nivel municipal.

1921 Vello faro de Sálvora. C. Carracedo

O lugar escolleito para a instalación do faro sería o mais saínte cara ao sur, coñecido  como punta Besugueiros, desde onde era posible velo faro de Corrubedo polo norte e Ons e Cíes pola costa sur. O vello faro chegaría ós 25 metros de altura desde o nivel do mar e remataba cun pequeno balcón que rodeaba a torre hexagonal dunha lanterna de 1,80 metros de diámetro e na que tamén se instalaría a óptica e o aparato de iluminación. As obras empezarían en 1852 usando pedra da illa e entraría en funcionamento o 19 de outubro de 1853, sendo de cuarta clase con luz fixa branca e destelos vermellos cada dous minutos chegando ás 9 millas náuticas- pouco máis de 16 quilómetros.

O faro protagonista da noite do naufraxio do Santa Isabel, sería desmantelado posteriormente e parte da súa estrutura usada no novo. Mentres non se poñían en marcha a nova luminaria, levantouse unha instalación provisional cunha luz universal que se construíu sobre unha rocha próxima a Besuguerios.

A cerrazón da noite do naufraxio do Santa Isabel e a escasa luz que daba a lanterna,  tiveron seguramente moito que ver na traxedia o que fixo que se tomaran mal as referencias da posición da rota do buque. Actualmente aínda se conservan algúns restos situados o sur do faro moderno xusto sobre as rochas onde embarrancou o vapor-correo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Unha de ameixa roubada”. Antón Luaces

“Unha de ameixa roubada”. Antón Luaces

Está visto: seis mil euros non é o valor real da cría de ameixa roubada aos mariscadores do pósito de San Antonio, en Cambados, porque a ameixa substraída da batea de preengorde podería multiplicarse por tres ou catro en base ao resultado dos plans de semente que...

“Los menores inmigrantes”. José Castro López

“Los menores inmigrantes”. José Castro López

La inmigración es responsabilidad del Gobierno, pero su única política conocida fue lasobreactuación que montó en Valencia en 2018 para recibir al Aquarius. Desde aquel“golpe de efecto” no se conocen medidas gubernamentales razonables para enfrentarse aeste...