Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da cuarta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro na Pobra

30 Novembro 2021

O xurado do IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro acaba de dar a coñece-la obra gañadora. Así, Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Marta Neira Rodríguez, filóloga e ensaísta; e Loretta Birott Bermejo, escritora,
decidiron que a distinción vaia parar á obra Por mor de cinco pizzas ós catro queixos, de Xosé Antonio Neira Cruz, quen repite galardón ó gaña-la segunda edición con O enigma do baúl pechado. Na primeira convocatoria recaera en Os Fantom, de Patricia Mallo, e a terceira quedara sen adxudicar por estimaren que ningún dos orixinais presentados acadaba a suficiente calidade literaria. Nesta ocasión, segundo explicaron, produciuse a situación contraria. Na compaña da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e de Lourdes Briones, viúva do escritor que dá nome a este certame literario, os membros do xurado presentes no acto destacaron o “altísimo nivel” dos textos presentados, un total de 29, e, polo tanto, manifestaron que a decisión foi complexa, pero que se tomou por unanimidade, se ben algúns deles poderían ser publicados por unha editorial, tal e como apuntou Francisco Castro.
Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, o dito certame é concibido como un medio para promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como para homenaxea-lo escritor Carlos Mosteiro.
A edil Patricia Lojo sinalou que o premio supón unha dotación económica de 3 000 euros, duplicando o Concello a contía respecto a edicións anteriores, ademais de se publica-la obra gañadora na colección Árbore da Editorial Galaxia e de se repartiren exemplares entre a rapazada do municipio. A concelleira tamén fixo fincapé na necesidade de apostar por este tipo de iniciativas, contribuíndo a incentiva-la lectura e trasladar valores ás xeracións máis novas. Adiantou, ademais, que este certame literario terá unha quinta edición.
A entrega do premio está prevista para o mes de decembro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.