
Galicia comezaba a vivir a tarde do 13 de novembro de 2002 cando, no boletín informativo das 16,00 horas Galicia, e con ela España enteira, tivo as primeiras novas do que máis tarde se convertería nunha das máis importantes traxedias marítimas de Europa e a máis dura realidade dunha España que non daba feito unha idea do que a aparición fronte as costas galegas significaba o petroleiro monocasco “Prestige” con case que 80.000 toneladas de fuel pesado a bordo.
Comezabamos en Radio Nacional de España (Radio Exterior) o programa “Españoles en la mar”, de edición mundial. Falabamos co máximo responsable do Servizo de Busca e Rescate da Xunta (o primeiro instituído en España e modelo do que posteriormente sería a Sociedade de Salvamento Marítimo de ámbito nacional) e preguntamos que había de certo nun ruxe-ruxe que nos chegara de que nas costas galegas había unha situación de alarma pola presenza dun buque de grandes dimensións, posiblemente un petroleiro, que se achaba escorado e sen goberno.
A partir de aquí todo foi un falar sin parar: desde a declaración dun incendio no buque -desmentido posteriormente- ata a previsión de danos pola posibilidade de que o buque embarrancara na costa, todo foi unha pura especulación e un non parar, un constante ir e vir que derivou nunha tolemia que, como tal, rematou co “Prestige” partido en dous a unhas 200 millas da costa de Galicia e con algo máis de 526 toneladas de fuel nos pecios.
Aquel que fora poderoso petroleiro utilizado para o transporte de moi dispares cargas, afundía de xeito inmisericorde enchendo coa marea negra por el provocada 1.137 praias e contaminando 2.980 quilómetros do litoral atlántico da península Ibérica e todo o Cantábrico ata Francia. E diante de toda esa inmensa porcallada xurdiron os mariñeiros que, coas súas mans -outras ferramentas non había inicialmente- e os “parques de pesca” das súas embarcacións comezaron a recoller o chapapote que aboiaba no mar. En terra, mentres tanto, homes e mulleres chegados a Galicia dunha manchea de países e comunidades autónomas españolas, dotados xa doutros medios máis axeitados que os dos pescadores, prantaron cara ao desastre que outros contemplaban desde os bares e tabernas cando non desde as súas vivendas criticando que a cidadanía se fixera cargo dun labor que para eles correspondía en exclusiva ás forzas de seguridade e aos exércitos. Foron os mesmos que se apuntaron nos primeiros momentos para recibir as indemnizacións que nunca se gañaran incluíndo a fillos e mulleres que tampouco nunca mancharan as mans en axuda dos que sí o facían. Outros, neste caso en representación da Xunta, se presentaban en Caión asegurando que “os cartos” xa estaban dispostos para seren entregados como compensación dos enormes danos causados pola marea negra que o daquela delegado do Goberno negaba existía.
Nos fondos mariños da plataforma continental galega afundíronse 526,3 toneladas de fuel, de chapapote, que seguía chegando á costa ata un ano máis tarde de ocorrida a traxedia. Un chapapote que se incrustou especialmente nas praias e nos coídos, nas Rías Altas (onde os mariñeiros non tiveron o mesmo afán ou posibilidades que os seus homólogos das Rías Baixas). Galicia tinguíase unha vez máis de negro. As embarcacións eran o testemuño máis evidente do que pasaba no mar. E en terra, centos, milleiros de homes e mulleres que querían salvar do chapapote ao noso país, lixugaron os monos de traballo (de cor branca) nunha especie de novas brigadas internacionais en loita contra o previsible, porque todos sabiamos que podía pasar aquí si a iniciativa dos mariñeiros e dos mozos e mozas chegados de fóra non chegara a producirse.
As máns como arados, abrindo sucos nun mar negro. O “Prestige” como símbolo do sen Deus que era o mar. Uns responsables que exerceron de irresponsables. Un xuízo-farsa aberto para condenar a quen menos o merecía e que exoneraba de culpas a quen aínda hoxe deberían estar pagando as consecuencias da desfeita aquí organizada.
Dez e nove anos van. Galicia non limpou totalmente o que a impericia e o descoñecemento trouxo á costa. Sirva todo elo de leción, para evitar que se repita: o accidente e o se librar gratuitamente desa irresponsabilidade menifesta. Queda moito por clarexar.
