Ribeira celebra o Día Contra a Violencia de Xénero con poesía, accións nas redes, cursos e unha marcha reivindicativa pola cidade

10 Novembro 2021

O Concello de Ribeira vai conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cunha ampla programación de actividades diversas que poñen o foco na creatividade, na participación e no activismo da cidadanía. A axenda foi dada a coñecer pola concelleira de Servizos Sociais, Ana Barreiro, xunto á directora do CIM Dolores Crujeiras. Haberá poesía, actividades nas redes sociais, presentacións de guías, recitais poéticos, cursos formativos e unha marcha colectiva.

As actividades comezarán este 10 de novembro coa convocatoria do II Concurso de Poesía Urbana pola Igualdade e Contra a Violencia de Xénero, que nesta ocasión conta con dúas modalidades: unha enfocada ás persoas maiores dos 16 anos e outra ás menores. As persoas que queiran participar poderán presentar as súas creacións dende xa, ata o 1 de decembro, e as bases estarán albergadas na páxina web do Concello.

A maiores, a partir do 15 de novembro desenvolverase a campaña 15 días, 30 lemas, na cal en cada xornada serán publicadas nas redes sociais municipais dous cartaces (un pola mañá e outro pola tarde) nos que distintas persoas do municipio exhiben un lema co que concienciar á cidadanía sobre a necesidade de loitar contra a violencia sexista e rachar estereotipos de xénero.

O 23 de novembro será presentada unha guía de atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero que estará dirixida especificamente ao seu manexo polo persoal sanitario.

Os días 27 de novembro e 4 de decembro terá lugar un curso de autodefensa destinado a mulleres do municipio maiores de idade. Será de 10 a 14 horas no Complexo da Fieiteira e está promovido pola Rede Galega de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero.

O 25-N, Día Contra a Violencia de Xénero, contará en palabras de Barreiro e Crujeiras “cun intenso calendario”. Así, de 9.30 a 10.30 horas, en streaming, celebrarase a performance Non máis princesas, a cargo de Pedro Brandariz, que está destinado a aulas de educación e primaria dos centros educativos municipais.

A maiores, entre as 11 e as 12.30 horas desenvolverase unha Marcha contra a violencia na que alumnado de ESO e FP Básica e o resto de cidadanía que se desexe sumar participará nunha andaina cara a praza do Concello para dar paso a continuación a un recital poético a cargo de Nuria Vil e a lectura de dous manifestos, un por parte dos centros educativos e outro de carácter institucional. Asemade, leranse os nomes das mulleres vítimas da violencia machista dende novembro de 2020, prenderase unha candea na súa memoria e gardarase un minuto de silencio.

Outra acción prevista é a constitución o 16 de decembro ás 10 horas da Mesa Local Contra a Violencia de Xénero con participación dos diversos axentes implicados na erradicación desta lacra e ademais o Concello está adherido á campaña De Fronte promovida pola Deputación da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.