“Prestige: A administración reclama: pero desbota a súa responsabilidade”. Antón Luaces

O P&I Club, aseguradora do petroleiro “Prestige” que, fai 19 anos, sementaba en toda a costa galega un medo xustificado -que se confirmou aos poucos días coa agardada traxedia que tinguiu 2.500 quilómetros do litoral atlántico e cantábrico- pode facer que España e Francia perdan arredor de 1.500 millóns de euros debido a que non recoñece o procedemento xudicial celebrado en España. Este club de compañías aseguradoras  coida que España e Francia tiñan que se ter sobmetido desde un principio a un proceso arbitral en Londres para depurar responsabilidades. Mais ao non o facer, obrigaron á aseguradora a incorrer en gastos que agora reclaman.
No que atinxe a España, o Tribunal Supremo estipulou indemnizacións por importe de 855 millóns de euros no caso da aseguradora. A sentenza foi recoñecida polos tribunais británicos, pero a súa execución aínda non se acadou. Ao mesmo tempo, un xuiz británico  negaba o pasado xoves a posibilidade de que o Reino de España poida alegar  inmunidade soberana e obriga ao Estado español a sobmeter a arbitraxe as súas desputas coa London Owners Mutual Insurance Association (The London P&I Club), a aseguradora do “Prestige” á que, como diciamos, España reclama 855 millóns de euros.

Transcorridos todos estes anos de litixios, en absoluto está clarificada a responsabilidade na que poidera ter incorrido a Administración española a causa de, en primeiro lugar, non permitir que o buque petroleiro recalara nun lugar ou porto de refuxio (nomeadamente a Ría de Corcubión) e, en segundo, o feito de obrigalo a alonxarse da costa coa posible intención de que, no caso de afundirse -o que pasou, certamente- ese afundimento se producira canto máis lonxe, millor.Como se lembrará, o “Prestige” partiu en dous e con eses dous cachos que quedaron del, afundíronse no Atlántico, a unhas 200 millas da costa galega, 526,3 toneladas de fuel pesado que, durante algún tempo, continuaron chegando ao litoral galego. O resto, ata 77.000 toneladas de fuel ou “chapapote”,  conformaron a marea negra máis nefasta que se abatiu sobre as costas noroeste e cantábrica de España e Francia.

Na Coruña escoitáronse daquela voces de representantes municipais e do Goberno no senso de rexeitar a posibilidade de que o “Prestige” entrara no porto coruñés para descargar e reparar. Ao mesmo tempo, as proclamas para que buques da Armada española (ou avións militares) procederan a bombardear o petroleiro de xeito que este afundira e unha parte da súa carga -senon a totalidade desta- ardera en medio do oéano Atlántico.

Posicións do “Prestige” interesadamente erradas para xustificar a inexistenza dunha marea negra (confirmada, evidentemente pola vía dos feitos) puxeron de manifesto o desexo do Goberno -a Xunta de Galicia calou- de non dicir á cidadanía a verdade do que acontecía e que algúns medios de comunicación relataban. Por exemplo, cando o daquela delegado do Goberno se refería a unha posición alonxada da costa duns “vertidos”, cando outros falabamos xa nidiamente da presenza dunha marea negra a tan só cinco millas das costas de Malpica.Calou a Xunta, repito, e mentiu o Goberno. Este chegou a botar man dos medios de comunicación estatais para montar unha campaña para levar ao ánimo dos cidadáns a convicción de que todo estaba ben. Así, por exemplo, a cadea estatal de radio (RNE) realizaba programas especiais recollendo a opinión de persoas que confirmaban a limpeza da costa e o “inmaculado” das augas nas praias, cando na mesma cadea (Radio 5) nos espazos de información marítima “Mar Adentro”, se falaba dos moitos danos que aquela marea producía e de como na Costa da Morte e nas Rías Baixas se loitaba por evitar a contaminación da costa e do propio mar recollendo deste coas mans e con capazos milleiros de quilos de chapapote.

Cumpridos xa eses primeiros 19 anos da aparición fronte a Galicia da imponente mole do “Prestige” e a súa carga de “chapapote”  recollemos hoxe, aquí, a opinión de dous usuarios de face book que comentaban o artigo publicado neste xornal electrónico que é O Barbanza.gal:
ALFREDO ARRIZABALABA:”A Administración tomou todas as decisión, que posteriormente se mostraron erradas:

  • Non deixaron que entrara en porto para a súa descarga.
  • Decidiron que se rompera e afundira, ao tentar metelo no Atlántico para o alonxar da costa.
  • Semella que non tiveron en conta as correntes predominantes.
  •  Non parece que fixeran un trasego de pesos axeitado a bordo para reforzar a fortaleza estrutural do buque.
  • Porque foi a Administración a que desautorizou ao capitán porque este insistía en salvar o buque levándoo a porto de refuxio, o que, visto o visto, é o que semella que sería o máis sensato.  

CARLOS BONET PÉREZ:       . A Administración negou a entrada a porto ou rada abrigada. A Dirección Xeral da Mariña Mercante obrigou a unha derrota errática e disparatada en troques de permitir o abrigo. E isto é un feito irrefutable. Non foi o capitán, moi ao contrario: este solicitou permiso e se lle negou. Ahí están as actas do xuizo.
Alfredo Arrizabalaga e Carlos Bonet non son, nin moito menos, alleos ao mundo  mariño. Queda, efectivamente, moito que dicir aínda do vivido naqueles días de novembro de 2002 e posteriores. Agora, co engadido de que España pode perder o seu dereito a unha indemnización de 855 millóns de euros.