O PSOE insistiu hoxe no Parlamento galego en demandar o compromiso da Xunta coa continuidade da planta de compostaxe de residuos de Servias máis aló do 2023, ano no que finaliza a actual concesión. A proposta defendida pola deputada Pomba Castro, portavoz na comisión de Medio Ambiente, topouse co voto en contra o grupo do PP.
Castro sinalou que a Xunta debe implicarse no mantemento da planta de Lousame «e investitr en I+D+i co fin de acadar melloras técnicas que permitan unha xestión máis eficiente dos residuos». Segundo a deputada socialista a Administración autonómica ten a posibilidade de facelo a través dunha liña específica de fondos orientada á xestión dos residuos municipais en consonancia coas prioridades e obxectivos marcados pola Unión Europea nesta materia.
A deputada acusou o Goberno galego de levar anos discriminando e facendo mala prensa á planta de Lousame. Pomba Castro defendeu unha xestión dos residuos sólidos urbanos « rexida polos principios de autosuficiencia e proximidade, unha rede integrada de instalacións de carácter comarcal ou provincial para a valorización do lixo».
