O PSOE de Ribeira pide aproveitar a riqueza ambiental, paisaxística e cultural de Deán Grande para acondicionar unha ruta de sendeirismo

Os socialistas de Ribeira, a través do seu concelleiro e portavoz José Manuel Vilas, presentaron ao pleno da Corporación unha proposta relativa ao lugar de Deán Grande e ás posibilidades que ofrecen os seus camiños públicos, tanto de comunicación e mobilidade como a nivel deportivo, turístico e de lecer. O PSOE de Ribeira recoñece ter recibido peticións da veciñanza para trasladar ao Concello a necesidade de pór a punto a redede vieiros do dito núcleo e materializar unha ruta de sendeirismo entre Os Carballiños e Deán Grande de Abaixo, pasando por diversos e distintos paraxes naturais. O PSOE valorou “positivamente” a proposta logo dunha visita sobre o terreo.

Unha vez examinado o percorrido, a agrupación constatou o seguinte:

· “Que dita ruta de sendeirismo pasa por diferentes zonas do entorno do lugar de Deán Grande, dentro da xeografía municipal, como Os Carballiños, As Toxeiras, Estivada, Lombos, Cochóns, Monte Público de Deán Grande, Cortiñas, As Pardiñeiras, Covas, Viña Vella, Raposeiras, Fontilleiro, Carballal, A Raiña, ou Senras”.

· “Que abrangue dende camiños de carro a montes veciñais, así como parte do antigo Camiño Real, a saber Camiño Deán Grande 9028, Camiño Fonte do Caldo 9021, Monte Veciñal Deán Grande 3346, Camiño Río das Brañas 9201, Camiño do Pinal Grande 9022, Camiño da Agriña 9035, e o treito da Estrada Provincial CP-7309 entre Deán Grande de Abaixo e Os Carballiños (polígono 938 do Catastro).

· “Que a lonxitude desta senda peonil rolda os 3 quilómetros, cunhas zonas boscosas de especies varias como loureiros, carballos, pinos, ameneiros e sobreiras, e sitios de interese histórico nas inmediacións, como a Pedra das Cabras, ou os profusos muíños de auga, que a fai moi acolledora e ao mesmo tempo relevante.

· “Que hoxe en día os paseos por parte de residentes son habituais nesta contorna; sendo esta unha zona proclive, pola súa bonita paisaxe e boas vistas sobre a ría de Arousa e sobre Palmeira, A Carballa, e Praia de Coroso; pero algunhas partes do recorrido están descoidadas, e precisan dun acondicionamento para o seu desfrute como circuíto peonil”.

· “Que a nivelación de tramos nos camiños, roces en determinados sitios, sinalización e identificación do traxecto, son operacións a levar a cabo para lograr a satisfacción dos camiñantes”.

Peticións concretas

Por todo o devandito, os socialistas instan ao Concello a redactar un proxecto dun itinerario “de ruta de sendeirismo que leve dende o lugar de Deán Grande, polo camiño público dos Carballiños, ata Deán Grande de Abaixo”. En total, engaden, “o proxecto supón a habilitación dun circuíto duns 3.000 metros de perímetro de senda peonil, ao que se podería incorporar algún elemento de adestramento en madeira, barra de equilibrio, paralelas (proxecto Bogym)”. A agrupación salienta que “esta obra suporía un importante investimento para garantir a seguridade dos sendeiristas que se desprazan a diario por estes camiños; e pode enmarcarse na aposta do Goberno local para crear sendas peonís que melloren a confianza dos viandantes no uso e desfrute da rede local de estradas e camiños”. Tamén piden que “se contemple a posíbel presentación do proxecto a través de programas como o Plan de Sendas Peonís, da Deputación da Coruña, ou da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para a súa definitiva materialización”.