O BNG traballará por paralizar a autorización de verteduras nas minas de San Fins

O Bloque Nacionalista Galego vén de achegar un comunicado no que expresa a súa vontade de traballar firme para paralizar a autorización das verteduras nas minas de San Fins.

O BNG lembra a este respecto que Augas de Galicia someteu a exposición pública unha autorización de verteduras industriais ao medio na contorna de San Fins para o desaugue das galerías e a posterior explotación da zona mineira. “Dita exposición pública veu precedida dunha proba piloto que resultou ser negativa segundo informe da área de calidade de augas”, explican dende a agrupación.

O informe, engaden, conclúe que “as condicións propostas polo solicitante no expediente de referencia para vertido non permiten garantir o cumprimento dos obxectivos medioambientais e normas de calidade ambiental no medio receptor”. A este respecto, o BNG critica que a resposta de Augas diante “dun informe tan clarificador por parte dos seus propios técnicos” fose realizar un requirimento a Tungsten San Finx de corrección de defectos, para presentar, en 30 días, un proxecto “no que se propoña un novo tratamento para as augas residuais nas instalacións que permita garantir o cumprimento dos obxectivos medioambientais e normas de calidade ambiental no medio receptor”.

Dende o BNG recoñecen “non entender a actitude da Xunta segundo a cal, logo dunha proba piloto negativa e saltándose de xeito flagrante o principio ambiental de precaución que debe rexer toda política pública, depositan fe cega nun proxecto refundido de verteduras ao medio sen ningún tipo de proba material do seu funcionamento válido”.

Os nacionalistas sinalan que do informe de calidade das augas, de abril de 2021, derívanse tres importantes conclusións: “Que os vertidos da proba piloto non cumprían cos parámetros da normativa ambiental; que a afectación ambiental actual provocada pola ausencia de restauración ambiental é un feito real e contrastábel; e, en terceiro lugar, que cómpre a elaboración dunha avaliación de impacto ambiental”.

Inmediacións da presa grande de residuos mineiros de San Fins